- O alcalde, a concelleira Carmen Gómez e dous técnicos municipais trasladáronse á localidade tarraconense con motivo da Festa de l’Aiguardent
- O acordo, que será levado a Pleno, fai referencia á augardente como “tradición arraigada na historia e na identidade dos dous pobos”
Valga, 14 de outubro de 2025.
O alcalde, José María Bello Maneiro, a concelleira Carmen Gómez, e os técnicos municipais Santiago Chenlo e Francisco Jamardo integraron a delegación municipal que a finais da pasada semana se desprazou á localidade de Prat de Comte, en Tarragona, para asistir á XXII edición da Festa de l'Aiguardent. Esta visita institucional serviu, ademais, para afianzar as relacións que ambos pobos manteñen dende comezos deste século, posto que os representantes dos dous Concellos acordaron facer oficial o irmandamento que, de facto, xa se prolonga dende fai máis de dúas décadas.
Bello Maneiro e o rexedor de Prat de Comte, Miquel Trilla, asinaron un acordo para formalizar o seu vínculo, que “nace da paixón compartida pola elaboración da augardente, tradición arraigada na historia e na identidade dos dous pobos”, destaca o texto. O obxectivo é continuar fomentando a amizade, a cooperación e os intercambios culturais, sociais e económicos entre Valga e Prat de Comte; promover e preservar as tradicións relacionadas coa destilación e a cultura da augardente; e impulsar iniciativas que reforcen os valores de convivencia e respecto entre as dúas localidades.
Antes de formalizarse e facerse oficial, este irmandamento pasará polo Pleno para ser respaldado pola Corporación.
As primeiras relacións e intercambios entre Valga e Prat de Comte, municipio da bisbarra catalá da Terra Alta, remóntanse a dos anos 2000, cando se celebrou a primeira edición da Festa de l'Aiguardent, coa asistencia de cañeiros valgueses “exportaron” á vila tarraconense o seu sistema de destilado.
Durante a visita da pasada fin de semana, a delegación valguesa participou nos actos oficiais da Festa de l’Aiguardente e tamén realizou visitas a espazos de interese da localidade e da súa contorna. Ademais, tiveron a oportunidade de saudar ao alcalde ao exalcalde Joan Ramon Pallarés Ferran, que ocupaba a Alcaldía de Prat de Comte cando se iniciaron os contactos.