Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Deste xeito poñen en práctica os coñecementos sobre o oficio que previamente adquiriron nas sesións teóricas

- O proxecto formativo, no que participan dezaseis mozos, remata o vindeiro mes despois dun ano de formación

OXovenesForestais1

Valga, 29 de setembro de 2025.

O alumnado da especialidade de forestais do Obradoiro de Emprego xuvenil está a apurar as últimas obras incluídas neste proxecto formativo, que se clausurará a mediados de outubro. Nas últimas xornadas os traballos centráronse na zona do Miradoiro de Beiro, onde os aprendices recibiron a visita da concelleira de Emprego, Carmen Gómez, quen comprobou a aplicación práctica de todos os coñecementos que os mozos adquiriron nos últimos meses. Ademais, agradeceulles a súa implicación durante este ano de formación que está a piques de rematar.

En Beiro, os novos traballadores forestais, que sairán do Obradoiro cun certificado de profesionalidade que lles abrirá oportunidades laborais, executaron traballos de limpeza de maleza, realizaron rozas con fío e disco e acondicionaron as escaleiras de acceso ao miradoiro e ao muíño de vento.

Con anterioridade, este grupo ao que dirixe o experto docente José Luis Cancela Martínez, pasou tamén por outras zonas verdes e espazos de lecer de Valga. Entre eles as lagoas Mina Mercedes e Porto Piñeiro, os arredores do tanatorio municipal e o colexio Ferro Couselo, ou Parque Dios Mosquera e a contorna da Casa da Caña, nos que realizaron actuacións de acondicionamento e mantemento.

Outras das obras que executaron foron a poda das camelias na Praza Manuel Vicente Cousiño de Pontevalga, o embelecemento dos buxos na Casa da Cultura, a corta de árbores na área fluvial de Vilarello e a limpeza e colocación de malla antiherba na estación depuradora.

O Obradoiro de Emprego Xóvenes, que desenvolven conxuntamente os concellos de Valga, Moraña e Portas, está a formar a un total de dezaseis persoas nas especialidades de albanelería e traballos forestais. O proxecto é cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus no marco do programa FSE + Galicia 2021-2027.

OXovenesForestais2 OXovenesForestais3

Volver