- O PIE, que deu comezo en xaneiro e se clausurou esta mañá, contou con 21 veciños de Valga entre os 100 participantes
- O programa ofreceu arredor de 900 horas de formación en sectores que son xeradores de emprego nos seis municipios promotores
Valga, 25 de setembro de 2025.
O Programa Integrado de Emprego (PIE) no que Valga participou durante este ano ano xunto cos concellos de Dodro, Padrón, Rois, Catoira e Pontecesures clausurouse esta mañá facendo balance de resultados.
Desta iniciativa, subvencionada pola Xunta de Galicia con 220.000 euros, beneficiáronse un total de 100 persoas dos seis municipios, que melloraron a súa formación e as súas posibilidades de atopar emprego grazas á colaboración entre as administracións autonómica e locais e o tecido empresarial da contorna. Conseguiron insertarse no mercado laboral o 41% do total. No caso de Valga esta porcentaxe foi notablemente superior á media global, xa que dos 21 participantes locais atoparon emprego 12, o que representa o 57’14%.
O programa dirixiuse a persoas pertencentes a colectivos con especiais dificultades de acceso ao mercado laboral: mozos con ou sen cualificación, persoas con discapacidade, maiores de 45 anos, parados de longa duración, mulleres desempregadas ou persoas perceptoras de prestacións.
Durante esta edición ofréceronse preto de 900 horas de formación, distribuídas entre especialidades presenciais e de teleformación e orientadas ás necesidades reais do tecido produtivo dos concellos participantes. Destacan, por exemplo, os cursos de manexo de ponte guindastre e carretilla elevadora, os de servizos á comunidade como monitor de tempo libre, monitores do comedor e acompañamento en transporte escolar. Ademais, como novidade, fixose especial fincapé no sector sociosanitario, ofertando cursos de estimulación cognitiva e enfermidades neurolóxicas, actividades básicas de rehabilitación nos maiores e fomación en primeiros auxilios.
Ademais da formación técnica, o programa inclúeu accións transversais como técnicas de coaching, motivación para a busca de emprego, obradoiros de habilidades sociais, preparación de entrevistas ou emprendemento. Todo isto completouse cunha actividade de prospección empresarial, visitas a empresas da contorna, prácticas non laborais e intermediación laboral directa, a través dunha bolsa de emprego propia.
A filosofía do programa baséase na personalización dos itinerarios de inserción, ofrecendo orientación individualizada, titorización e un enfoque adaptado á realidade económica e social dos concellos participantes, nos que sectores como o metal, a alimentación, o comercio e a hostalería son motores de emprego.