- No bombeo de O Forno tivo que realizarse esta mañá unha intervención ante o atasco provocado por estes materiais
- O goberno municipal pide responsabilidade e concienciación aos veciños para evitar estas avarías
Valga, 24 de setembro de abril de 2025.
Operarios municipais realizaron esta mañá unha actuación de limpeza no bombeo do lugar do Forno, que forma parte da rede de saneamento municipal. A acumulación de materiais non biodegradables (toalliñas hixiénicas, compresas, cueiros, plásticos...) que os veciños tiran polo inodoro de forma indebida provocaron un novo atasco na infraestrutura, co conseguinte vertido de augas fecais.
Esta situación non é nova, vense repetindo de forma periódica nos últimos anos a pesar dos chamamentos á responsabilidade feitos dende o Concello. Esta situación causa importantes incidencias no funcionamento da rede e, como consecuencia, provoca tamén danos ambientais, á marxe do subrecusto para as arcas municipais.
Por iso, o goberno municipal reitera o chamamento aos veciños de toda Valga para que actúen de xeito responsable e se conciencien sobre os problemas que causa verter polo inodoro materiais non biodegradables, unhas consecuencias negativas que poderían evitarse botando as toalliñas ou plásticos no cubo do lixo.
O alcalde, ademais, pide aos valgueses que cando detecten algunha destas incidencias ou avarías na rede dean aviso ao Concello. "Está moi ben publicalo nas redes, pero antes débese avisar ao persoal e aos servizos municipais para que poida darse solución ao problema", reflexiona Bello Maneiro.