- O concerto celébrase o día 4 de outubro no Auditorio Municipal con entrada de balde para o público
- A coral valguesa, fundada en 1994 e que dirixe Manuel López Castro, está integrada por 39 voces

Valga, 22 de setembro de 2025.
Catro agrupacións reuniranse o vindeiro 4 de outubro no Auditorio Municipal na décimo sétima edición do Festival de Outono de Corais. Tres provincias galegas estarán representadas neste concerto. Ademais dos anfitrións, a Polifónica Santa Comba de Cordeiro, actuarán a Coral “Airiños de Caranza” de Ferrol, a Polifónica do Casino de Carballiño e a agrupación Santa María Adina, de Portonovo.
Cada coral realizará unha actuación individual e, como colofón interpretarán varios temas de forma conxunta. O concerto dará comezo ás 19:00 horas con entrada gratuíta para o público.
Este festival é organizado “con agarimo e ilusión” pola Coral Polifónica Santa Comba de Cordeiro, sinala a xunta directiva que preside Valentina Ferro, poñendo así en valor o esforzo que os membros da agrupación realizan para dar visibilidade á súa actividade e para tratar de captar novas voces. Neste sentido, fan “un chamamento a todas aquelas persoas que sintan un interese polo canto para que se acheguen, proben e, se lles gusta, participen na coral”.
A Coral Polifónica valguesa, que está integrada na Federación Galega de Corais, fundouse en 1994 coincidindo coa festividade da súa patroa, Santa Comba, e tendo dende os inicios como director a Manuel López Castro. Na actualidade está integrada por 39 membros (15 sopranos, 11 contraltos, 8 tenores e 5 baixos). Ao longo da súa traxectoria ten protagonizado incontables actuacións de música popular e sacra en toda a xeografía galega, en Asturias e Portugal. Entre as funcións máis sobranceiras, as que tiveron lugar no Pazo de Fonseca, na Catedral de Santiago ou no Santuario de Fátima, así como a súa xira por Buenos Aires (Arxentina). Ademais, gravou un CD con temas populares galegos e habaneiras no ano 2008.


 
										 
										 
										







