Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A centenaria foi agasallada por Bello Maneiro cun ramo de flores e unha torta

- A veciña de Moldes, pandereteira, foi unha das homenaxedas polo Concello no último Día das Letras Galegas

 IMG 20250920 WA0000

Valga, 20 de setembro de 2025.
María Tarrío Campaña, veciña de Moldes (Cordeiro), cumpre hoxe 103 anos. É a avoa de Valga, a veciña máis lonxeva do municipio e, para acompañala na celebración do seu aniversario, o alcalde, José María Bello Maneiro, e as concelleiras Begoña Piñeiro e Carmen Gómez visitárona no seu domicilio. Entregáronlle, como agasallo, un ramo de flores e unha torta e compartiron conversa con María e coa súa familia, que a acompaña neste día sinalado.

María Tarrío naceu no seo dunha familia humilde de Moldes, sendo a mediana de sete irmáns. A súa extensa familia está formada por sete fillos (un deles falecido), once netos e unha decena de bisnetos. Como a maioría de mulleres da súa época, dedicou a súa vida ao coidado do fogar e ás tarefas do campo e, ademais, foi costureira.

Con todo iso, aínda lle quedaba tempo para participar en seráns, ruadas e xuntanzas que antano eran habituais nas aldeas e nas que non podían faltar as gaitas e coplas. María era pandereteira e co paso dos anos foi transmitindo boa parte do seu saber a recolledores de cantares e estudosos da pandeireta. De feito, foi unha das homenaxeadas polo Concello no último Día das Letras Galegas pola súa contribución a preservar a poesía oral e a cultura popular de Galicia

Hoxe a festa é total na casa de María, onde se reuniu a familia para celebrar por todo o alto este 103 aniversario cun xantar e música de gaita e charanga.

IMG 20250920 WA0001 IMG 20250920 WA0002

Volver