Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

• Esta axuda súmase ao préstamo sen xuros de 700.483 euros concedido pola Consellería de Vivenda e Infraestruturas

 

Valga, 21 de setembro de 2025.
A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes confirmou ao Concello a finais desta semana a concesión dunha subvención de 700.000 euros para a mellora das instalacións deportivas. Con esta axuda, cuxa solicitude fora anunciada polo alcalde no Pleno do pasado luns, complétanse todos os fondos necesarios para financiar o proxecto de 1’4 millóns de euros que preparou o Concello para abordar a reforma e mellora dalgúns dos principais recintos deportivos valgueses.

En concreto, acometeranse actuacións no pavillón municipal de Beiro, en Cordeiro, no recinto do campo de fútbol municipal de Baño e nas instalacións de Campaña. Nestas últimas está prevista unha das principais obras: a substitución da herba sintética dun dos campos de fútbol, o máis antigo construído fai 25 anos. Colocarase novo céspede artificial que seguirá os estándares FIFA Quality Pro (indicado para un uso intensivo e que garante rendemento de alta duración), apostando, ademais, pola sostibilidade e non contaminación ao prescindir totalmente do caucho, un material que estará prohibido neste tipo de instalacións a partir de comezos da vindeira década.

Ademais dos 700.000 euros da Consellería de Presidencia, o Concello contará para sufragar este proxecto cun préstamo sen xuros por importe de 700.483 euros do Fondo de Cooperación da Xunta para municipios de menos de 50.000 habitantes. A sinatura deste acordo por parte do alcalde, José María Bello Maneiro, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, tivo lugar o xoves.

Volver