Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O Pleno aprobou onte un convenio de colaboración entre o Concello e o Instituto Galego de Vivenda e Solo para financiar a metade do investimento (700.483 euros)

-  Actuarase no pavillón de Beiro, no recinto do campo de Baño e nas instalacións de Campaña

campocampaña

Valga, 16 de setembro de 2025.
A Corporación municipal reuniuse onte nun pleno extraordinario no que se aprobou, por unanimidade, un convenio de colaboración entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) da Xunta de Galicia e o Concello para o acceso ao Fondo de Cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes.

O IGVS aportará 700.483’15 euros que o Concello devolverá nun prazo de oito anos a razón de 87.560’39 euros anuais. Estes fondos destinaranse a financiar un proxecto de mellora das instalacións deportivas municipais, que está orzamentado en 1’4 millóns de euros. O alcalde, José María Bello Maneiro, explicou durante a sesión que os restantes 700.000 euros “esperamos conseguilos cunha subvención da Xunta de Galicia que xa foi solicitada”.

O proxecto inclúe actuacións no pavillón de Beiro, no recinto do campo de fútbol de Baño e nas instalacións deportivas de Campaña. Nestas últimas substituirase a herba sintética do campo de fútbol máis antigo, instalándose un novo céspede artificial que seguirá os estándares FIFA Quality Pro, que está indicado para un uso intensivo e que garante rendemento de alta duración. Prescindirase completamente do caucho, adiantándose así o Concello á prohibición do uso deste material, que entrará en vigor en 2031 co obxectivo de reducir a contaminación por microplásticos.

O alcalde subliñou que “se vai realizar un investimento importantísimo nas instalacións deportivas do noso concello e sentímonos moi orgullosos e satisfeitos por telo conseguido”.

Tamén se aprobou na sesión extraordinaria o expediente de contratación do acondicionamento e renaturalización da zona norte da lagoa Porto Piñeiro, que forma parte do proxecto de recuperación que se está a executar nesta antiga explotación mineira a ceo aberto para convertela nun espazo de uso social e turístico. O grupo de goberno votou a favor, os concelleiros do BNG en contra e o PSOE abstívose.

Volver