- Os concelleiros Carmen Gómez e Pedro Calvo achegáronse esta mañá a saudar ás participantes
- A mostra, que é aberta ao público e conta tamén con stands de venda, estará aberta ata as 19:30 horas
Valga, 13 de setembro de 2025.
A asociación de palilleiras A Bella Otero organiza durante a xornada de hoxe no pavillón municipal de Baño o Encontro de Labores Artesanais, un evento que cumpre a súa novena edición e no que se dan cita máis de 430 participantes chegadas dende moi diversos puntos de Galicia e, este ano, por vez primeira tamén de Soria.
Cariño, Burela, Viveiro, Xove, Foz, Camariñas, Boiro, Pontevedra, A Guarda, Salvaterra, Padrón, Urdilde, Noia, Ames, Cambados, Vilanova ou o Grove son tan só algunhas das localidades de procedencia das palilleira e tamén palilleiros, que cada vez se animan máis, sinala a presidenta do colectivo organizador, Lourdes Conde. A arte tradicional do encaixe de bolillos e a principal protagonista da xornada, pero tamén poden verse outros labores feitos a calceta, gancho, bordado ou punto de cruz.
A xuntanza deu comezo ás 10:00 horas, coa recepción das participantes, un almorzo e a entrega de agasallos ás representantes das agrupacións. A segunda tenente de alcalde, Carmen Gómez, e o concelleiro Pedro Calvo achegáronse ata o pavillón para saudar ás palilleiras e ver algúns dos seus traballos. Ademais, tamén en horario matutino, realizáronse visitas guiadas por grupos ao Belén Artesanal en Movemento.
O encontro é aberto ao público, que durante toda a xornada pode acudir ao pavillón para interesarse polas labores que realizan as participantes, contemplar a exposición de traballos da asociación A Bella Otero e mercar artesanía agasallos e materiais para labores nos postos de venda.
Esta tarde, tralo xantar, sortearanse ducias de agasallos doados por casas comerciais e entidades de Valga e da súa contorna. A xuntanza clausurarase arredor das 19:30 horas.