Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Ampliarase a estrada e crearanse beirarrúas na parte sur-este, entre a empresa ODL e o lugar do Sixto

- Tamén se canalizarán os servizos, instalando tubaxes para augas pluviais, saneamento e alumeado

VialZonaEmpresarialODL1

Valga, 15 de setembro de 2025.

A área empresarial situada entre as parroquias de Campaña e Xanza experimentou nos últimos anos unha notable transformación nas súas conexións viarias que continuarán, proximamente, coa execución dunha nova fase de melloras na que se realizará un investimento de 128.809’23 euros para ensanchar e acondicionar o vial sur-este, que discorre entre a parte traseira das antigas instalacións de Intavalsa (actualmente propiedade de Urovesa) e o recinto do grupo empresarial ODL, chegando ata o lugar do Sixto.

As actuacións proxectadas inclúen a ampliación da vía destinada á circulación de vehículos, a creación de beirarrúas de dous metros de ancho, a instalación de tubaxes para os servizos de abastecemento, recollida de augas pluviais e alumeado público, a colocación en todo o trazado de pozos e arquetas de rexistro, a construción dun muro de contención e, por último, o pavimentado da calzada e o pintado de sinalización horizontal en todo o tramo. O Concello e a Xunta de Galicia, cofinancian as obras a través dunha liña de axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais de Galicia.

Deste xeito, continuarase dotando a esta zona, que acolle a cinco grandes empresas valguesas, de estradas adecuadas ao desenrolo da actividade industrial e con condicións que garantan a seguridade tanto para o importante tráfico de mercadorías e vehículos pesados como para os peóns e o elevado número de turismos nos que se desprazan os preto de 2.000 empregados destas factorías.

O concurso público para adxudicar os traballos admite ofertas ata o día 25 de setembro.

Volver