- Os ensaios darán comezo no mes de outubro e desenvolveranse os martes pola tarde no Auditorio Municipal
- O proxecto promocionarase en centros educativos para facelo atractivo á mocidade e captar novos participantes
Valga, 11 de setembro de 2025.
A Escola Municipal de Teatro prepara xa o inicio do novo curso, que terá lugar no mes de outubro. Esta actividade, pensada coma un proxecto aberto á veciñanza, busca converter o escenario nun espazo de encontro, de aprendizaxe e de creación compartida.
Dirixida pola actriz e creadora Iria Azevedo, a Escola quere ir máis alá dunha actividade formativa, sendo unha ferramenta de participación cidadá e transformación cultural, na que os integrantes, independentemente da súa idade, poidan descubrir novas habilidades, gañar confianza e formar parte dun proxecto colectivo.
Formaranse tres grupos:
- Grupo Infantil (a partir de 6 anos), co lema “Xoga, imaxina, crea!”. O teatro como un xogo onde os máis pequenos aprenden a expresarse, a traballar en equipo e a descubrir o poder da súa imaxinación.
- Grupo Xuvenil, co slogan “Dálle voz ao que levas dentro”. Un espazo para a mocidade no que explorar a creatividade, canalizar emocións e atopar unha forma única de contar a súa propia historia. Co obxectivo de potenciar a actividade entre este grupo de idade, organizaranse charlas en centros educativos valgueses para captar novos afeccionados ao teatro e facer desta escola un proxecto atractivo para os mozos.
- Grupo Adulto, porque “Nunca é tarde para subir ao escenario”. Unha oportunidade para experimentar, compartir lembranzas e descubrir no teatro unha ferramenta de liberdade, expresión e comunidade.
As clases, que terán lugar os martes pola tarde no Auditorio, desenvolveranse cunha metodoloxía baseada na creación colectiva e na multidisciplinariedade artística. “Non se trata só de representar unha obra, senón de vivir un proceso onde interveñen dramaturxia, escenografía, vestiario, música, memoria persoal e comunitaria”, explica a mestra.
As persoas interesadas poden anotarse no Concello, dando entrada no rexistro á folla de inscrición. Esta tamén pode descargarse na páxina web municipal (https://valga.gal/atencion-cidada/impresos-solicitudes) e enviarse ao enderezo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..