Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- As inscricións deben realizarse a través do teléfono 698 150 432 ou no enderezo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

- O obxectivo é conformar grupo para desenvolver un curso regular en Valga

PresentaciónBailaconNós

Valga, 10 de setembro de 2025.

Valga será, a vindeira semana, punto de arranque dunha nova edición do programa “Baila con nós”, co que a Asociación Cultural Alecrín quere difundir e promocionar o baile como actividade saudable, tanto a nivel individual coma en parella ou nun contexto social. A actividade, que é gratuíta, foi presentada esta mañá na Casa do Concello polo director de Alecrín, Francisco Muñiz, ao que acompañaron a segunda tenente de alcalde, Carmen Gómez, e o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo.

“Baila con nós” consta de dous obradoiros dunha hora de duración cada un e que se realizan na mesma xornada. No caso de Valga, será o martes, día 16, na Casa da Cultura. Ás 20:00 horas terá lugar o taller de Linedance, unha modalidade con inscrición individual indicada para persoas que queiran ter unha toma de contacto con ritmos clásicos, latinos e modernos coma swing, bachata, disco e funky.

O segundo obradoiro, que dará comezo ás 21:00 horas será o de Baile Social, para a práctica en parella e no que se ofrece unha selección de bailes estándar, latinos e tropicais, entre eles cha-cha-chá, bachata ou swing.

Par participar nestas actividades é preciso inscribirse previamente a través do teléfono 698 150 432 ou no correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. Están dirixidas a maiores de 16 anos.

Tralo arranque en Valga, estes obradoiros percorrerán diferentes localidades das comarcas do Barbanza, Sar e Santiago. O obxectivo é chegar a conformar grupos para programar cursos estables nalgunhas destas localidades e Valga, pola súa boa situación, podería ser unha delas, avanzou Francisco Muñiz. “Temos a intención de dar continuidade a estes obradoiros, en caso de espertar o interese de xente, cun programa máis denso con moitos máis bailes e unha cota de arredor de 25 euros mensuais”, explica o director de Alecrín. “Comezaríamos con bailes sinxelos e pequenas coreografías que, pouco a pouco, irán mellorando no estilo e na cantidade de figuras”, continúa.

O Linedance está pensado como un método para aprender a bailar e para que persoas principiantes adquiran competencias en ritmos clásicos, latinos e incluso disco; mentres que en Baile Social tamén se traballa con bailes clásicos coma o vals, pasodobre ou tango e, a maiores, con estilos máis de moda coma a bachata e a kizomba e “tamén introducimos coreografías máis divertidas e xogos como roda cubana ou merengue en grupo”.

BailaconNós

Volver