- A expedición partiu de Valga o 31 de agosto e durante toda a semana realizaron actividades formativas e culturais, incluído un concerto
- A actividade conta coa colaboración do Concello, que se fixo cargo da viaxe en autobús
Valga, 9 de setembro de 2025.
A Escola Municipal de Música trasladou durante a pasada semana a súa actividade a terras portuguesas, concretamente a Braga, unha das principais cidades do norte do país luso. Alí desenvolveuse, entre os días 31 de agosto e 6 de setembro, a edición número 26 do Campamento Musical de Verán, unha iniciativa na que membros das diferentes agrupacións da Escola comparten accións formativas e culturais e momentos de ocio e convivencia.
A expedición valguesa, integrada por arredor trinta membros, partiu ás oito da mañá do domingo do Auditorio. O desprazamento en autobús correu a cargo do Concello e, en Braga, pernoctaron na Pousada da Xuventude, onde ademais realizaron sesións de ensaio nas que traballaron a Sinfonía nº 9 “Do novo mundo”, de Antonín Dvořák. Durante a súa estadía na localidade portuguesa tiñan previsto ofrecer dúas actuacións, se ben unha delas tivo que ser suspendida debido ao loito oficial decretado en todo o país a tralo tráxico accidente do funicular de Lisboa. Si se levou a cabo o concerto do día 5.
Ademais, os integrantes da Escola Municipal aproveitaron estes días en Braga para coñecer algúns dos monumentos máis importantes da cidade e da contorna, coma a Catedral, a máis antiga de Portugal, ou o Santuario do Bom Jesus do Monte, coa súa famosa escalinata barroca e dende onde gozaron dunhas fermosas vistas panorámicas.