Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Ademais da zona de baño, tamén se colocará alumeado público e mobiliario urbano

- As actuacións fináncianse con fondos europeos Next Generation, xestionados a través do xeodestino turístico Mar de Santiago e de Turismo de Galicia

ObraPraiaPortoPiñeiro1

Valga, 5 de setembro de 2025.

O proxecto de recuperación e posta en valor da lagoa Porto Piñeiro está en marcha. Nos últimos días, a empresa adxudicataria iniciou os traballos de acondicionamento dunha zona de praia, unha actuación que conta cun orzamento de 574.990 euros e que se financia con fondos do programa europeo Next Generation xestionados a través do xeodestino turístico Mar de Santiago e de Turismo de Galicia.

Ademais do acondicionamento desta zona de baño artificial, que incluirá a aportación de area, tamén se dotará ao espazo de alumeado público con rede soterrada, colocación de luminarias e balizamento de camiños con bolardos. Asimesmo, colocarase diverso mobiliario urbano, coma mesas e bancos.

Nesta fase inicial, as actuacións céntranse no soterrado e colocación de tubaxes e canalizacións, movementos de terras e recheos, tal e como comprobou esta mañá a concelleira Carmen Gómez nunha visita á zona.

A Lagoa de Porto Piñeiro abrangue una lámina de auga de 5,32 hectáreas; ocupando o espazo dunha antiga explotación mineira a ceo aberto da que se extraían arxilas para a elaboración de materiais de construción. O obxectivo do goberno local é convertela nun espazo de referencia ambiental e social a través dun proxecto valorado en máis de 14 millóns de euros que contempla actuacións coma o acondicionamento dunha zona de baño ao aire libre con praia artificial e unha piscina; unha área de usos recreativos e de ocio, con xogos de area e auga, unha zona deportiva e equipamento ciclista. Tamén está prevista unha cávea natural no bordo da lagoa cun escenario flotante.

No ano 2023 executouse a primeira fase na zona sur da lagoa, onde se habilitaron os primeiros tramos de sendas ciclables e peonís, instalouse mobiliario urbano, creouse un parque infantil e plantáronse árbores froiteiras e outras especies autóctonas. Entre finais de 2024 e comezos deste ano instalouse un peche de seguridade perimetral e está a piques de adxudicarse outra fase do proxecto: a construción dunha piscina, a rehabilitación e rexeneración dos noiros laterais e o acondicionamento dos terreos da zona norte, incluíndo mellora dos accesos, a instalación de sistemas de drenaxe e outros servizos e traballos de paisaxismo. Neste caso o investimento será de 902.375’32 euros.

En total, o Concello ten xa conseguidos arredor de tres millóns de euros de subvencións.

ObraPraiaPortoPiñeiro2 ObraPraiaPortoPiñeiro3

Volver