- Construirase unha nave para o programa “Fai que Valga”, de reutilización de obxectos usados
- Mellorarase e duplicarase a capacidade da zona de almacenamento de residuos perigosos
Valga, 4 de setembro 2025.
A xestión sostible dos residuos e a mellora dos servizos ambientais é un dos propósitos do Concello e, para iso, trabállase para converter ao Punto Limpo nun referente en canto a sustentabilidade e innovación social. Nos últimos días licitáronse dúas obras de mellora das instalacións, situadas na parroquia de Campaña, que suporán un investimento total de 178.322’87 euros. Son cofinanciadas entre o Concello e a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Xunta, a través dunha orde para a concesión de axudas para actuacións en materia de residuos de competencia municipal.
Unha das actuacións ten por obxectivo a mellora e ampliación da zona de almacenamento de residuos perigosos que, pola súa categoría especial, requiren de maiores garantías no seu proceso de separación e reciclaxe, evitando que acaben depositados nos contedores habituais. Para iso executarase unha intervención que aumentará a capacidade de recollida deste tipo de residuos, habilitando unha zona de almacenaxe máis grande, segura e eficiente. Pasarase de poder almacenar unhas 50 toneladas de refugallos perigosos a contar co dobre de capacidade.
A segunda obra que está en proceso de contratación é a ampliación da nave existente e a construción dunha edificación pechada para habilitar un espazo destinado á autoreparación no marco do proxecto “Fai que Valga”. Esta iniciativa, posta en marcha no verán de 2024, fomenta a reutilización, reparación de obxectos e participación cidadá na redución de residuos, seguindo os principios da económica circular. Neste ano tense dado unha segunda vida a arredor de 1.000 obxectos que, doutro xeito, acabarían no lixo.
Ante o bo funcionamento do servizo e a crecente demanda por parte dos usuarios, a infraestrutura actual do Punto Limpo resulta insuficiente, facéndose necesaria a creación dun espazo funcional, cuberto e adaptado, que permita desenvolver talleres, accións formativas e zonas de traballo colaborativo.
Ademais destas dúas actuacións, e a través da mesma liña de axudas da Consellería de Medio Ambiente, o Concello ampliará tamén os servizos medioambientais cun Punto Limpo móbil, co que achegar a recollida selectiva a todas as parroquias e núcleos do municipio promovendo, así, unha maior implicación da cidadanía na correcta separación dos residuos. A adquisición deste camión, que está pendente de adxudicar, está valorada 90.750 euros.