- O paso a nivel de Castiñeiras quedou clausurado provisionalmente o luns será desmantelado
- Tamén se eliminou un segundo cruce peonil en Carracido e construíronse 1’7 quilómetros de novas estradas
Valga, 3 de setembro de 2025.
Os últimos vehículos, peóns e ciclistas cruzaron este mediodía o paso a nivel de Castiñeiras. Este cruce, que ata agora permitía atravesar a vía férrea, quedou clausurado instantes despois de que se abrir ao tráfico o novo viaduto construído polo ADIF para mellorar a seguridade na contorna do camiño de ferro. O alcalde, José María Bello Maneiro, e os concelleiros Román Castro e Carmen Gómez, fixeron un percorrido pola nova infraestrutura xunto a representantes da empresa adxudicataria das obras, Covsa. Nelas investíronse arredor de catro millóns de euros. A aportación do Concello foi de 219.000 e o resto correu a cargo do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias, do Ministerio de Transportes.
A ponte ten unha lonxitude de 59 metros, divididos en tres vanos: un central de 21 metros e dous laterais de 19. O pasado venres realizouse a proba de carga coa que se comprobou a solidez da estrutura e a primeiras horas desta mañá colocouse a sinalización vertical, última tarefa que quedaba pendente para a posta en servizo. O luns, en horario nocturno, levaranse a cabo os traballos de desmantelamento do paso a nivel de Castiñeiras, que incluíran a eliminación das barreiras e das sinais luminosas e acústicas, a retirada do piso de caucho e formigón e o derrubo da caseta.
Coa supresión deste paso (e dun segundo de carácter peonil no lugar de Carracido) continúa avanzándose en materia de seguridade na contorna da vía ferroviaria, que atravesa o concello polas parroquias de Cordeiro e Campaña. Esta foi, dende fai décadas, una teima do equipo de goberno para evitar que se repitan tráxicos sucesos coma os vividos fai anos. O de Castiñeiras é o segundo paso superior que se constrúe sobre a vía en Valga, despois do de Campaña. Existen, ademais, dous pasos inferiores. En outubro de 2024, nunha visita ás obras que veñen de rematar, o subdelegado do Goberno en Pontevedra e representantes do ADIF anunciaron que se está a traballar nun novo proxecto para eliminar os dous pasos a nivel que agora quedan operativos en Valga: o da Devesa (no límite con Pontecesures) e de Vilar.
Características do viaduto
A nova ponte, que comezou a construírse no verán de 2024 e dende hoxe está aberta á circulación, ten un gálibo vertical de 7 metros e conta con dous carrís de 3 metros de ancho e beiravías de 0’50 que están protexidas por un muro de formigón. Instalouse tamén un valado antivandálico. A velocidade para vehículos está limitada a 40 quilómetros por hora.
Dentro deste mesmo proxecto construíronse, ademais, 1’7 quilómetros de novas estradas entre os lugares de Laxes e Carracido e dende a praia fluvial de Vilarello e Vilar, para garantir a conexión entre ambas marxes da vía.