Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A infraestrutura, creada para suprimir dous pasos a nivel, entrará en servizo nas vindeiras semanas

- A colocación da sinalización vertical e o desmantelamento do cruce a nivel de Castiñeiras son as últimas accións pendentes de executar

ProbaCargaPonteTren1

Valga, 2 de setembro de 2025.

O viaduto sobre a vía do ferrocarril construído á altura do lugar de Castiñeiras para suprimir dous pasos a nivel está a piques de entrar en servizo. Nos últimos días a estrutura pasou o exame definitivo antes da súa apertura: a proba de carga, coa que se verifica que a ponte é segura e que pode soportar as cargas e pesos aos que vai a estar exposta durante a súa vida útil.

Neste caso foron 160 toneladas as que se empregaron para poñer a proba a resistencia da nova infraestrutura, repartidas en camións de 40 toneladas cada un. Catro camións foron colocándose sobre cada vano e en diferentes posicións para comprobar o descenso que, a consecuencia do peso, se producía nas vigas do taboleiro. Corroborouse que non houbera ningunha fisura nin incidencia, que todo funciona correctamente e que a estrutura se comporta tal e como se proxectou.

Sen realizar esta proba non se pode poñer en servizo o viaduto. Foi o pasado venres cando se levou a cabo, a partir das 20:00 horas. Ao atardecer realizouse na parte do taboleiro situada fóra da vía. Xa de noite e sen tráfico ferroviario, continuouse no tramo sobre os raís. Os estudos remataron arredor das 2:30 da madrugada.

Unha vez superado este exame, apenas quedan pendente detalles para que as obras se dean por concluídas. En concreto, a colocación da sinalización vertical (a horizontal xa está pintada) e a demolición do paso a nivel de Castiñeiras (coa retirada das barreiras e o desmantelamento do paso sobre avía), uns traballos que tamén terán que realizarse en horario nocturno para non afectar á circulación de convois.                        

O investimento total nestas obras aproxímase aos catro millóns de euros, dos que o Concello aporta máis de 219.000 euros e a cantidade restante é financiada polo Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), do Ministerio de Transportes.

O obxectivo é reforzar a seguridade na contorna da vía do tren, para o que se deseñou e construíu unha ponte de 59 metros de lonxitude, formada por tres vanos, e cun gálibo vertical de 7 metros. Terá dous carrís de circulación de tres metros de ancho cada un e beiravías de 0’50 metros. Adosadas a estas, senllas bandas de 1’80 metros cun muro de protección, as beirarrúas e unha varanda.

Ademais do viaduto, o proxecto incluíu a continuación das estradas paralelas á vía do tren na marxe esquerda en dirección a Santiago, para manter a permeabilidade nas comunicacións entre as dúas beiras do camiño de ferro.

Habilitáronse dous tramos de estradas entre os lugares de Laxes e Carracido e dende a praia fluvial de Vilarello ata Vilar, cunha lonxitude total de 1’7 quilómetros. Por elas xa poden circular vehículos dende fai semanas.

ProbaCargaPonteTren2         ProbaCargaPonteTren3

Volver