- Na categoría “Obra nova” tamén resultaron premiados San Miguel e Campaña
- No apartado de “Mantemento” os outros dous galardóns recaeron na Canle e Barro
Valga, 2 de setembro de 2025.
Os lugares de Raxoi e Vilar foron proclamados coma os máis fermosos do concello no concurso Embelecer Valga, nas dúas categorías establecidas polas bases: obra nova e mantemento.
A comisión veciñal de Raxoi recuperou o parque do lugar, dotándoo de xogos para os cativos, zonas axardinadas e outro mobiliario coma un asadeiro e unha pequena mesa de pedra. O premio que lles corresponde é de 300 euros.
Nesta categoría, o segundo premio (200 euros) foi para o grupo de veciños que acondicionaron a fonte de San Miguel, con traballos de limpeza e acondicionamento, embelecemento con plantas e flores, decoración con tellas e pedras pintadas a man e a creación dun estanque con peixes.
O terceiro clasificado (100 euros) foi Campaña, polos traballos de execución dun local social que sirva como punto de reunión para os veciños e espazo de convivencia e realización de actividades.
Tamén concorreron a esta modalidade o IES de Valga, coa creación dun xardín no vello campo de fútbol de Baño, e a Praza Manuel Vicente Cousiño, onde se levaron a cabo tarefas de mellora da fonte e de dotación de elementos ornamentais.
No referido á categoría de “Mantemento”, o parque de Vilar foi o lugar máis valorado polo xurado, que lle outorgou os 500 euros do primeiro premio. En segundo lugar (300 euros) clasificouse A Canle, onde os veciños realizaron actuacións de conservación no parque da aldea. O terceiro posto (200 euros) recaeu en Barro, polos traballos de dotación de mobiliario executados no parque, onde se instalou unha cuberta e se colocaron un asadeiro e unha pía para fregar.
Os lugares de A Medela, Balleas, Barcia, Beiro, Carballiño, Cerneira, Cimadevila, CODI, Colexio Baño-Xanza, Eiras, Eirexe (Campaña), Escola Infantil Municipal, Ferreirós Parque, Gándara, Laceiras, Laxes, Miradoiro da Perdiz, Praza do Souto, San Miguel e Vilarello tamén participaron nesta categoría e todos recibirán 100 euros.