- Os produtos repartiranse entre veciños e familias de Valga en situación de vulnerabilidade
- Os obradoiros e showcookings foron gratuítos, pero tiñan un carácter solidario
Valga, 1 de setembro de 2025.
As actividades organizadas polo Concello de Valga na quinta edición do “Agosto Gastronómico” conseguiron reunir 275 quilos de alimentos para axudar ás familias en situación de vulnerabilidade do municipio.
A segunda tenente de alcalde, Carmen Gómez, e o técnico municipal Francisco Jamardo fixeron hoxe reconto de todos os produtos recadados grazas á solidariedade de todos os participantes nos obradoiros, showcookings e outras actividades gastronómicas que se desenvolveron durante o mes de agosto. Todas eran gratuítas pero tiñan un carácter benéfico, aportando produtos alimenticios –preferiblemente non perecedoiros– ou de hixiene para axudar a persoas ou familias que pasan por dificultades económicas.
Entre os alimentos doados hai pasta, legumes, azucre, fariña, arroz, leite, auga, aceite e vinagre, sopas de sobre, conservas de marisco, peixe, froitas e vexetais, galletas, cereais, cacao en polvo, zumes, cueiros, xel de baño.... Todos serán clasificados e almacenados polo departamento municipal de Servizos Sociais para o seu reparto entre as familias sen recursos, en situación ou risco de exclusión.
A cifra recadada é máis de 50 quilos superior á do ano pasado o que demostra a solidariedade crecente da xente participante, á que o Concello quere agradecer as súas aportacións.