- As obras acaban de licitarse e as empresas poden presentar ofertas ata o día 26 de agosto
- O Concello ten conseguido arredor de tres millóns de euros para avanzar na rexeneración ambiental e turística desta lagoa
Valga, 14 de agosto de 2025.
A mina Porto Piñeiro, que se atopa en proceso de rexeneración ambiental para a súa conversión nun espazo de esparexemento, ocio e actividades turísticas, recibe unha nova inxección de 902.375’32 euros cos que se executarán actuacións coma a construción dunha piscina e o acondicionamento da zona norte da lagoa. As obras acaban de saír a licitación e o prazo para que as empresas presenten as súas ofertas estará aberto ata o día 26 de agosto.
O obxecto do contrato é o de completar a transformación desta mina a ceo aberto nun espazo de calidade ambiental e social, convertendo o conxunto das lagoas de Valga nun referente dunha nova relación coa contorna, incorporando a lámina de auga e as súas ribeiras coma espazos públicos para o desfrute da veciñanza de Valga e de visitantes, seguindo o exemplo da Mina Mercedes.
As actuacións a desenvolver con estes 902.375’32 euros inclúen a construción dunha piscina, a rehabilitación e rexeneración dos noiros laterais e o acondicionamento dos terreos da zona norte, incluíndo mellora dos accesos, a instalación de sistemas de drenaxe e outros servizos e traballos de paisaxismo.
Avanzarase, deste xeito, un novo chanzo na recuperación desta lagoa artificial, formada por acumulación de augas subterráneas e pluviais nunha antiga mina de extracción de arxila. O proxecto redactado para recuperar estes terreos degradados pola actividade mineira e despois abandoados ascende a máis de 14 millóns de euros e contempla actuacións coma o acondicionamento da zona de baño ao aire libre –con piscina, praia artificial e xogos de area e auga–, áreas deportivas, sendas peonís e ciclables, un escenario flotante e unha zona de aloxamento con cabanas, entre outros servizos.
No ano 2023 executouse a primeira fase na zona sur da lagoa, onde se habilitaron os primeiros tramos de sendas para peóns e ciclistas, instalouse mobiliario urbano, creouse un parque infantil e plantáronse árbores froiteiras e outras especies autóctonas. Entre finais de 2024 e neste 2025 estase a instalar un peche de seguridade en todo o perímetro da lagoa e a pasada semana tivo lugar o levantamento da acta de replanteo dunha nova fase das obras: a creación da praia artificial. Ademais, está pendente de licitarse outra actuación para dar continuidade ás sendas. En total, o Concello ten xa conseguidos arredor de tres millóns de euros de subvencións.