Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O cociñeiro Álex Iglesias protagonizou o primeiro showcooking do Agosto Gastronómico 2025, ao que asitiron unha trintena de persoas

- Na demostración de cociña en directo a augardente compartiu mesa con outros productos galegos con selo de calidade

CañaPrato25 1

Valga, 13 de agosto de 2025.

Os showcookings do Agosto Gastronómico 2025 viviron a súa primeira entrega cunha demostración a cargo do chef Álex Iglesias na que a caña do país non se serviu en vaso, senón en prato. Ata seis receitas diferentes presentou o chef lalinense, demostrando que a augardente de Valga, nas súas diferentes variedades, pode empregarse coma un ingrediente recorrente na cociña.

Exemplo das múltiples posibilidades que ofrece e combinacións que admite foi a sesión de cociña en vivo de onte, que incluíu aperitivos, pratos salgados e doces. Neles a caña compartiu protagonismo coa anguía pero tamén con outros produtos galegos con selo de calidade xa que nesta edición, e coa colaboración da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), os showcookings integran tamén ingredientes con Denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida. Neste caso foron Fabas de Lourenzá e Tenreira Galega.

O menú que ofreceu Álex Iglesias abriuse con dous entremeses: aceitunas maceradas en caña, que serven como petisco frío e que poden acompañarse de pan ou queixo curado; e paté de fígado caseiro flambexado con caña de herbas.

Nos pratos principais houbo tanto peixe coma carne. O primeiro tiña que ser anguía, o outro produto valgués por excelencia, que se acompañou con cogomelos laminados, fabas cocidas e unha redución de caña tostada. A carne elixida foi solombo, regado cunha salsa de caña de herbas.

A noite pechouse cos sabores doces aportados por peras ao forno con xarope de caña e trufas de chocolate negro con augardente de herbas.

As receitas foron explicadas e elaboradas en directo polo cociñeiro e, despois, degustadas pola trintena de persoas que se inscribiron no showcooking, veciños de Valga pero tamén persoas chegadas dende outras localidades coma Pontecesures, Caldas de Reis, Barro, Vilagarcía ou Pontevedra.

Álex Iglesias quixo, con estes pratos, demostrar as diferentes aplicacións que a caña do país pode ter na cociña: “a branca aporta moitos aromas; a de herbas, frescor; e a tostada é o brandy galego”, sinalou.

Os showcookins continúan o vindeiro martes, día 19, coa actividade “Menudo Par. Anguía + caña”, na que contaremos cos televisivos Xoanqui Ameixeiras e Coque Fariña, do programa da TVG “A voltas co prato”, para protagonizar un duelo ante os fogóns no que batallarán por elaborar os mellores pratos con anguía e caña. As prazas xa están cubertas.

Todas as actividades do Agosto Gastronómico son gratuítas pero solidarias, polo que para asistir cada persoa ten que aportar un quilo de alimentos non perecedoiros que serán doados ao departamento municipal de Servizos Sociais para repartir entre as familias máis desfavorecidas.

CañaPrato25 2 CañaPrato25 3

Volver