- Os bares inscritos son Caprichos, Maneiro, Pontellón, Couceiro, Auditorio, Vilarello Paradise, Pardal e Pirata
- A cita gastronómica desenvolverase as dúas últimas fins de semana de agosto
Valga, 12 de agosto de 2025.
A Ruta-Concurso “Tapa a Anguía”, que o Concello convoca anualmente dentro da programación da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, contará con oito establecementos participantes na súa duodécima edición: Pastelería Caprichos, Bar Maneiro, Café-Bar Couceiro, Cafetería Auditorio, Bar Pardal, Café Pub Pirata, O Pontellón Café-Bar e Vilarello Paradise.
A actividade gastronómica trata de promocionar un dos produtos estrela da festa, a anguía, e incentivar o consumo nos locais de hostalería do municipio. O Concello será o encargado de facerlles chegar o peixe xa limpo para que poidan preparar as tapas.
A ruta prolongarase durante as dúas últimas fins de semana do mes de agosto. O apartado de concurso celebrarase unicamente os días 23 e 24, mentres que na seguinte fin de semana (días 30 e 31 de agosto) tan só haberá degustación. Os petiscos serviranse de xeito gratuíto coas consumicións os sábados en horario de 12:00 a 15:00 e de 20:00 a 23:00 e os domingos de 12:00 a 15:00 horas.
O público decidirá cos seus votos cales son as mellores tapas e, polo tanto, os locais gañadores dos Mandís de Ouro, Prata e Bronce. Para participar na votación é preciso reunir os selos dos bares participantes despois de degustar as súas tapas e introducir a papeleta nas urnas habilitadas ao efecto. Entre todas as persoas que participen na elección das mellores tapas sortearanse dez vales de 30 euros cada un para gastar no comercio local.
Mantense, ademais, o xurado profesional, que será o encargado de elixir a tapa que se degustará na Festa da Anguía do vindeiro ano 2026.