Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- As obras, subvencionadas pola Consellería de Presidencia, están en proceso de contratación

- Colocarase unha varanda e unha cuberta no exterior e acondicionaranse os baños e a Oficina Técnica na planta baixa

CasaConcello

Valga,  11 de agosto de 2025.

Os servizos administrativos do Concello veñen de sacar a contratación unha nova obra que, neste caso, afecta á propia Casa Consistorial, na que se executarán melloras relacionadas coa accesibilidade exterior e traballos de acondicionamento en varias dependencias da planta baixa, co obxectivo de solucionar unha serie de problemas derivados da antigüidade do inmoble e ofrecer mellores e máis eficaces servizos á veciñanza.

Nestas obras de acondicionamento realizarase un investimento de 50.000 euros, cofinanciados entre o Concello e a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a través dunha liña de axudas destinada á mellora das infraestruturas, dotacións e instalacións vencellados á prestación de servizos municipais.

Os traballos a executar na parte exterior do edificio consisten na colocación dunha varanda de aceiro inoxidable, a modo de pasamáns, na rampla de entrada e tamén na instalación dunha cuberta que protexa das inclemencias meteorolóxicas.

No interior, unha das zonas afectadas serán os baños da planta baixa, que sufrirán unha renovación integral que incluirá melloras na fontanería, no pavimento e nos alicatados e a colocación de novos inodoros, lavabos, papeleiras, toalleiros e secamáns. Tamén serán adaptados para persoas con mobilidade reducida.

Outra das dependencias a acondicionar será a Oficina Técnica, coa colocación de novo mobiliario: mesas, cadeiras, armarios arquivadores e caixoneiras.

Por último, o proxecto recolle actuacións nas ventás e cristaleiras das escaleiras de acceso á planta superior.

As ofertas para optar á adxudicación das obras poden presentarse ata o 21 de agosto.

Volver