- A compra do camión, equipado con dúas caixas, acaba de licitarse e as empresas poden presentar ofertas ata o día 14 de agosto
- Este servizo permitirá achegar a recollida selectiva a todas as parroquias
Valga, 8 de agosto 2025.
O Concello segue a avanzar na xestión sostible dos residuos e na mellora dos servizos ambientais mediante a posta en marcha dun novo servizo: un Punto Limpo móbil que achegará a recollida separada do lixo a toda a veciñanza e contribuirá, ademais, á concienciación cidadá e á protección do medio ambiente.
A adquisición destas instalacións móbiles acaban de saír a licitación por un importe de 90.750 euros, que serán cofinanciados entre o Concello e Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Xunta, a través dunha orde para a concesión de axudas a entidades locais para actuacións en materia de residuos de competencia municipal.
Este Punto Limpo móbil estará configurado por un camión, de menos de 3.500 quilos e 100% eléctrico, e dúas caixas. A principal terá unhas dimensión mínimas de 2’6 metros de longo, 1’5 de ancho e 1’4 metros de alto. Contará, cando menos, con trece bocas selectivas, cos seus respectivos contedores. Será de estrutura metálica e piso de taboleiro, con aberturas en ambos laterais para a introdución de residuos. A caixa auxiliar de aluminio será basculante e con baldas laterais, cunhas dimensións mínimas de 2’3 metros de longo, 1’4 de ancho e 0’3 de alto.
O obxectivo desta adquisición é mellorar o servizo de recollida selectiva e achegalo a todas as parroquias e núcleos do municipio, promovendo así unha maior implicación da cidadanía na separación de residuos. Ademais, terá un importante papel educativo e de concienciación, ao dar maior visibilidade á importancia da reciclaxe e da correcta xestión dos residuos, fomentando hábitos máis responsables e
sustentables no conxunto da poboación.
Este servizo será complementario ao Punto Limpo fixo, que abre os luns pola mañá e os xoves pola tarde e no que os veciños de Valga poden depositar de xeito gratuíto aqueles residuos que non deben botarse nos contedores, e tamén á planta de residuos da construción, á que se poden levar restos de obras.