Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

• Crearase unha praia artificial con 575.000 euros dos fondos europeos Next Generation

• Dende que se iniciou o proxecto de recuperación da antiga mina, o Concello xa conseguiu arredor de 3 millóns de euros

MerellesPortoPinheiro1

Valga, 7 de agosto de 2025.
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, acompañou ao alcalde, José María Bello Maneiro, no levantamento da acta de replanteo dunha nova fase das obras de rexeneración ambiental da lagoa Porto Piñeiro. Investiranse nesta actuación 574.990 euros que se financian con fondos do programa europeo Next Generation xestionados a través do xeodestino turístico Mar de Santiago, do que Valga forma parte xunto a Vilanova, Catoira e Pontecesures, e concedidos a través do Plan de Vilas termais e cascos históricos da Axencia Turismo de Galicia da Xunta.

A sinatura desta acta permite dar comezo aos traballos, que inclúen a creación dunha praia artificial. Xunto co acondicionamento da zona de baño, que incluirá o aporte de area, dotarase ao espazo de alumeado público con rede soterrada, colocarase mobiliario urbano e executarase un tramo de senda. A empresa Covsa foi a adxudicataria das obras.

“É unha actuación que me fai sentir orgulloso porque se trata dun bo uso dos fondos Next Generation, para poñer en valor unha zona que estaba degradada pola actividade mineira e que se recuperará para convertela nun espazo natural e nun reclamo turístico”, manifestou Xosé Merelles.

O alcalde, ademais de agradecerlle o aporte financeiro, lembrou que a lagoa de Porto Piñeiro, que abrangue una lámina de auga de 5,32 hectáreas, ocupa o espazo dunha antiga explotación mineira a ceo aberto da que se extraían arxilas para a elaboración de materiais de construción. O obxectivo do goberno local é convertela nun espazo de referencia ambiental e social a través dun proxecto valorado en máis de 14 millóns de euros que contempla actuacións coma o acondicionamento dunha zona de baño ao aire libre con praia artificial e unha piscina, unha área de usos recreativos e de ocio, con xogos de area e auga, unha zona deportiva e equipamento ciclista. Tamén están previstas unha cávea natural no bordo da lagoa cun escenario flotante e cabanas nas que poder aloxarse.

“Sabemos que é un proxecto moi ambicioso, pero nós cando cremos en algo tiramos para adiante pasiño a pasiño. Nestes momentos temos xa conseguidos arredor de tres millóns de euros”, explicou.

No ano 2023 executouse a primeira fase na zona sur da lagoa, onde se habilitaron os primeiros tramos de sendas ciclables e peonís, instalouse mobiliario urbano, creouse un parque infantil e plantáronse árbores froiteiras e outras especies autóctonas, cun investimento de 500.000 euros cofinanciados polo Concello e a Deputación a través do programa ReacPon.

A finais de 2024 comezaron os traballos de colocación do peche de seguridade perimetral, financiados a través dun convenio entre a administración local e a Consellería de Industria por valor de 366.200 euros.

Neste mes iniciaranse as obras da praia fluvial e, durante o último cuadrimestre do ano, espérase contratar outras dúas fases: o remate das sendas ciclistas e peonís (615.000 euros do programa provincial Pon2030) e a construción dunha piscina e acondicionamento dos terreos adxacentes (902.000 euros, dos que a Deputación aportará dos que a Deputación aportará 700.000 do Plan Extra e o Concello os 202.000 restantes).

MerellesPortoPinheiro2 MerellesPortoPinheiro3

Volver