- O alcalde participou esta mañá no acto de recepción e destacou que “agora podemos iniciar os trámites para desenvolver máis de 200.000 metros cadrados de terreo industrial”
- O investimento foi de máis de 1’4 millóns de euros, que se financiaron entre a Consellería de Industria e o Concello
Valga, 7 de agosto de 2025.
O alcalde, José María Bello Maneiro, participou esta mañá no acto de recepción das obras da subestación eléctrica construída no lugar da Medela, unha infraestrutura que mellorará a calidade da subministración eléctrica no municipio e que, ademais, garante a potencia suficiente para a actividade industrial que actualmente se desenvolve en Valga e para as industrias que poidan asentarse no parque empresarial proxectado para a zona.
Elecnor foi a adxudicataria das obras, nas que se realizou un investimento de preto de millón e medio de euros, dos que a Consellería de Industria asumiu arredor dun millón e o Concello a parte restante. “Foron case 500.000 euros os que aportamos, o que “non está nada mal para un concello como Valga, pequeno en habitantes pero non así a nivel industrial, xa que é unha das potencias máis grandes desta contorna”, destacou Bello Maneiro, que se confesou “moi satisfeito por ver rematadas estas obras nas, o que permite iniciar os trámites para desenvolver os máis de 200.000 metros cadrados de terreo do parque empresarial”.
Porque esta subestación ten como obxectivo dotar de subministración ao futuro polígono industrial que se proxecta no propio lugar da Medela, pero tamén se conectará a esta nova liña a empresa Extrugasa, que precisa un aumento de potencia para a súa planta de Campaña. O proxecto desenvolveuse en virtude dun convenio de colaboración asinado entre o Concello, Extrugasa e Unión Fenosa Distribución, que agora se encargará de explotar e xestionar as instalacións.
O rexedor explicou que a parte máis difícil desta actuación foi “conseguir a autorización por parte de Fenosa para abrir a liña de alta tensión que pasa por aquí e tamén polos terreos do polígono. Nós entendíamos que iso era o máis lóxico, pero inicialmente non o autorizaban, senón que pretendían traer unha liña subterránea, 1º dende Caldas e despois dende Padrón, o que facía totalmente inviable o proxecto do parque empresarial”.
No acto de recepción participaron, ademais do alcalde, o interventor municipal, José Juan Vidal Vilanova; o xefe de obra de Elecnor, Pedro Rodríguez; o director facultativo da obra, Jesús Sambade e un técnico asesor.
Proximamente a empresa Extrugasa ten previsto dar inicio ás obras para conectar a subestación coa súa fábrica de Campaña a través dunha liña soterrada.