Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A obra que presentou ten como elemento central un alambique, xunto ao que aparecen dúas botellas de caña e unha anguía

- Luis Tasende, do Sixto, e Ángeles Garrido, de Vilar, acadaron o segundo e terceiro premios

XuradoConcursoCarteis25 1

Valga, 6 de agosto de 2025.

Bárbara Rey Bragaña, veciña do lugar de Parafita (Xanza) é a autora do cartel anunciador da XXXV Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. Ela foi a gañadora do concurso artístico convocado polo Concello para elixir o póster co que se dá publicidade á celebración gastronómica, que se celebra vindeiro 30 de agosto e que está declarada de Interese Turístico de Galicia.

A obra, que se presentou baixo o lema “Caña do país: espírito galego, orgullo valgués”, ten como elemento central un alambique para o destilado artesanal da augardente e dúas botellas de caña do país, baixo as que se atopa unha escorregadiza anguía.

O segundo premio foi para Lois Tasende Gómez, do Sixto (Xanza), cun colorido debuxo no que o parque Irmáns Dios Mosquera e o río Valga, do que emerxen varias anguías, se acompañan doutras referencias á festa: un catador de caña, unha muller cunha tapa de anguía ou un alambique.

O terceiro premio recaeu en Ángeles Garrido Comparada, de Vilar (Cordeiro), que presentou cunha pintura na que, entre fogos de artificio, aparecen unha anguía e un alambique. A obra complétase con referencias a outros espazos de Valga, coma a Casa do Concello ou o corazón do Miradoiro da Perdiz..

O xurado encargado de determinar os premiados reuniuse esta mañá e estivo integrado pola segunda tenente de alcalde, Carmen Gómez; a concelleira de Turismo, Malena Isorna;  o técnico municipal de Cultura Santiago Chenlo; e a funcionara Tamara Cerneira. Os tres galardoados recibirán premios de 150, 100 e 75 euros, respectivamente, así como un trofeo, que lles serán entregados o vindeiro 30 de agosto no transcurso dos actos da XXXV Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.

Ao concurso para elixir o cartel anunciador concorreron un total de oito obras. As bases establecían que tiñan que facer referencia aos produtos postos en valor na festa –a anguía e a caña– ou a elementos esenciais nos procesos de obtención dos mesmos. Non se establecían limitacións de técnicas a empregar súa, pero si tiñan que incluír obrigatoriamente o escudo do Concello, a lenda “XXXV Festa da Anguía e Mostra da Caña do País” e as datas de celebración.

CartelAnguía25 1

CartelAnguía25 2

CartelAnguía25 3

Volver