- Elaboraron arepas recheas con anguía e torradas con chocolate e caramelo
- O martes 12 celebrarase o primeiro showcooking, coa caña do país como protagonista e coas prazas xa esgotadas
Valga, 6 de agosto de 2025.
O Agosto Gastronómico púxose en marcha e fíxoo, como é habitual, cos máis cativos coma protagonistas. Un obradoiro infantil foi a actividade coa que arrancou a programación dedicada á anguía e á caña do país, convertendo o Parque Irmáns Dios Mosquera nunha gran cociña. Máis de trinta nenos fixeron o papel de chefs, dirixidos por Álex Iglesias, para preparar unha receita con anguía e unha sobremesa.
O prato principal da tarde foron arepas, un prato típico de países sudamericanos coma Venezuela ou Colombia. Foi unha versión apta para celíacos (xa que entre os participantes había cativos con esta afección), elaborando a masa con fariña de millo libre de glute. Foron os pequenos chefs os que tiveron que amasar as súas propias arepas para, despois, elixir os ingredientes para o recheo, combinando a anguía cocida con outros produtos coma tomate, olivas, gambas, piña, pementos de Padrón ou queixo Arzúa-Ulloa.
Para a sobremesa, a elaboración elixida foron unhas torradas bañadas en leite de coco con chocolate branco e untadas cunha salsa de caramelo feita con azucre e nata. Tamén neste caso se realizou unha versión con ingredientes sen glute para que todos os inscritos puideran gozar da actividade e degustar as súas elaboracións.
Despois desta estrea, o vindeiro martes continúa o Agosto Gastronómico co showcooking “A caña no prato”, no que o chef Álex Iglesias elaborará catro pratos con caña do país nas súas tres variedades máis tradicionais: branca, de herbas e tostada. Todas as prazas están xa ocupadas.