- O gañador na categoría de caña branca recibirá 500 euros e as mellores augardentes de herbas e tostadas acadarán 300 euros
- O prazo de inscrición estará aberto ata o día 26 de agosto
Valga, 5 de agosto de 2025.
O Concello de Valga convoca o Concurso da Caña do País, unha iniciativa que se enmarca dentro da programación da XXXV Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, declarada de Interese Turístico de Galicia e que se celebra na última fin de semana do mes agosto.
Ao certame poden concorrer destiladores artesanais que estean empadroados en Valga, nas tres modalidades habituais: caña branca, tostada e de herbas.
Coa finalidade de manter a imparcialidade do certame e o anonimato dos participantes, estes deberán presentar as augardentes nun envase específico que recollerán, con anterioridade, nas oficinas do Concello. Entregarán os licores debidamente embotellados e tamén un sobre pechado coa ficha de inscrición e datos persoais (enderezo e teléfono de contacto).
O prazo permanecerá aberto ata as 14:00 horas do día 26 de agosto.
Os premios que se repartirán entre os concursantes ascenden a 1.100 euros en total. O produtor da mellor caña branca será gratificado con 500 euros, mentres que os primeiros premios dos licores de herbas e tostado ascenderán a 300 euros. Os segundos clasificados recibirán un trofeo e un diploma conmemorativo.
As catas das augardentes terán lugar os días 28 e 29 de agosto nas instalacións do Centro de Interpretación da Caña do País e os gañadores daranse a coñecer o día 30 durante os actos da XXXV Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.
O vencedor de cada unha das modalidades deberá entregar ao Concello o garrafón da augardente premiada.