Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

• O establecemento está aberto ao público dende a pasada fin de semana e o vindeiro sábado celebrará a súa inauguración

• Nas últimas xornadas xa se realizaron varias rutas de paddle surf polo río Ulla con saída dende a praia

CafeteriaVilarello25 3

Valga, 29 de xullo de 2025.
O Concello vén de resolver o concurso público para a concesión da cafetería da área fluvial de Vilarello, coa adxudicación á empresa Ilinx SUP S.L., que presentou un proxecto no que combina a explotación do bar coa dinamización da zona con actividades deportivas, culturais e de ocio. A cafetería, baixo o nome de “Vilarello Paradise – Café e natureza” xa está aberta ao público dende a pasada fin de semana e o vindeiro sábado, 2 de agosto, celebrará a súa inauguración a partir das 16:00 horas con petiscos e segunda consumición de balde.

Durante o verán, o establecemento estará aberto todos os días da semana. Os luns, de 15:00 a 22:00 horas e de martes a domingo de 9:30 a 22:00. A súa oferta inclúe almorzos e merendas, bebidas frías e quentes, petiscos coas consumicións, carta de produtos de tempada e quilómetro cero e opcións veganas. Se ben aínda está en proceso de acondicionamento e amoblamento, a cafetería contará con terraza chill-out e zona pet-frendly para mascotas.

O proxecto presentado por Ilinx SUP quere recuperar Vilarello como espazo de encontro social, cultural e de entretemento para veciños e visitantes, entendendo esta área coma un recurso non só estacional, senón coma un lugar con potencial para ofrecer experiencias durante todo o ano. Deste xeito, ademais do servizo de hostalería, tamén se organizarán actividades dirixidas a diferentes sectores da poboacións.

Por exemplo, rutas de paddle surf polo río Ulla, que xa comezaron nas últimas semanas. Nahila Iglesias, que está á fronte do proxecto xunto con Alejandro Tendero, explica que en Vilarello tanto se poden alugar os equipos para a práctica deste deporte coma participar en rutas fluviais. Unha delas ata o embarcadoiro de Santa Cristina (con explicacións sobre o transporte de materias primas, de cerámica e a industria de produción de tellas) e outra pola zona das brañas. Os interesados teñen á súa disposición o enderezo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou o teléfono 634 091 242 para as reservas.

No apartado deportivo tamén propoñen sesións de ioga ou ximnasia, que se complementarían con obradoiros para cativos e outras actividades ou espectáculos de carácter familiar e comunitario que poden realizarse tanto ao aire libre coma, nos meses de inverno, na Aula da Natureza anexa á cafetería. Sobre este espazo, os novos adxudicatarios informan que está a disposición de asociacións, entidades, artistas, emprendedores e veciñanza en xeral para o desenvolvemento de iniciativas que poidan contribuír á dinamización da zona.

CafeteriaVilarello25 2 CafeteriaVilarello25 1

Volver