- Na segunda modalidade, o compostelano Enrique Neira propón a elaboración dunha Guía Literaria de Valga
- O xurado, cuxa decisión foi unánime, reuniuse na Casa do Concello o pasado 23 de xullo
Valga, 30 de xullo de 2025.
O historiador Paulo López Muñoz (Lugo, 2000) é o gañador da primeira modalidade do XXVI Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo coa investigación “As orixes do rexionalismo conservador e centrista galego: Transición e proceso autonómico (1975-1983)”, no que analiza o proceso de rexionalización das forzas políticas de centro e dereita xurdidas do aparello administrativo do réxime franquista, pasados case cincuenta anos dende a implantación do Estado das Autonomías.
Tendo en conta a súa hexemonía durante o período obxecto de estudo e o peso que xogaron durante o proceso de descentralización, López Muñoz afonda en cuestións coma as estratexias, discursos e praxe rexionalista destes partidos, así coma nos conflitos internos e con outras forzas, rastrexando tamén os seus precedentes en movementos políticos activos durante a ditadura.
Paulo López, que recibirá 4.000 euros, completou os seus estudos superiores na Universidade de Santiago de Compostela, onde cursou un Grao de Historia e un máster de Historia Contemporánea. Está especializado na historia dos nacionalismos e no estudo das culturas políticas.
O xurado destaca, da súa investigación, que “é das primeiras veces que gaña este premio un traballo de historia contemporánea recente, a coñecida como historia do tempo presente”. Ademais, o estudo aborda “unha etapa moi interesante, como é a da consolidación da Autonomía galega”, e “está moi ben estruturado dende o punto de vista da investigación”.
O tribunal desta XXVI edición do Premio Xesús Ferro Couselo estivo integrado por Xulio Rodríguez González, facultativo do Corpo Superior de Museos; Pegerto Saavedra Fernández, Catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago; Marcial Gondar Portasany, Catedrático de Antropoloxía da Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación da USC; e Pablo Sánchez Ferro, director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e neto de Xesús Ferro Couselo. Reuníronse o pasado día 21 na Casa do Concello, acompañados polo alcalde, José María Bello Maneiro, e dous técnicos municipais: Santiago Chenlo e Vanessa Losada, que exerceu de secretaria. O fallo, que foi unánime, faise público coincidindo co 119 aniversario do nacemento do Fillo Predilecto de Valga.
Bolsa de estudos valorada en 3.000 euros
En canto á segunda modalidade do Premio, o gañador da bolsa de estudos por valor de 3.000 euros foi Enrique Manuel Neira Pereira, de Santiago, coa proposta “Valga nas letras”. Trata sobre a creación dunha Guía Literaria de Valga que reúna referencias a distintos lugares do concello en obras tanto orais (coplas, lendas, etc.) coma escritas (textos líricos, narrativos, teatrais...), prestando especial atención ás ensaísticas e aos textos sobre viaxes. Todas elas achegarían “valiosos datos sobre as terras de Valga, axudándonos a reconstruír a súa historia e a estudar a súa etnografía”, sinala o propio Neira.
O xornalista e investigador xa resultara gañador desta segunda modalidade nos anos 2016 e 2021 e, en 2023, foi tamén galardoado co Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais.