Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os gañadores nas dúas modalidades daranse a coñecer o 30 de xullo, no aniversario do nacemento intelectual valgués

- O catedrático Marcial Gondar despídese do tribunal despois de 26 edicións destacando “o traballo do Concello en defensa da cultura galega e o esforzo por manter este certame”

XuradoPXFC25 1

Valga, 22 de xullo de 2025.

O xurado da vixésimo sexta edición do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo reuniuse onte na Casa do Concello para deliberar sobre os traballos presentados ao certame e elixir aos gañadores das dúas modalidades. O tribunal estivo integrado por Xulio Rodríguez González, facultativo do Corpo Superior de Museos; Pegerto Saavedra Fernández, Catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago; Marcial Gondar Portasany, Catedrático de Antropoloxía da Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación da USC; e Pablo Sánchez Ferro, director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e neto de Xesús Ferro Couselo. A reunión estivo presidida polo alcalde, José María Bello Maneiro, e tamén participaron dous técnicos municipais, Santiago Chenlo e Vanessa Losada, que exerceu como secretaria.

Foron cinco as propostas que se presentaron ao certame. Catro investigacións concorreron á primeira modalidade, dotada con 4.000 euros e referida a traballos de investigación de ámbito galego, dentro das especialidades de etnografía, paleografía, numismática, arqueoloxía, historia e historia da arte. O outro traballo presentouse á segunda modalidade, pola que se convoca unha bolsa de estudos para proxectos centrados en estudos históricos, etnográficos ou sobre persoeiros do municipio de Valga, dotada con 3.000 euros.

Os gañadores das dúas modalidades daranse a coñecer o día 30 de xullo, cando se cumpren 119 anos do nacemento de Xesús Ferro Couselo.

Este premio busca promover e incentivar os estudos actuais de investigación no campo das ciencias históricas e vén sendo convocado polo Concello dende o ano 1996, no que a Real Academia Galega dedicou o Día das Letras Galegas ao Fillo Predilecto de Valga e insigne figura da cultura galega.

Esta foi a primeira vez que o xurado se reuniu de forma presencial dende a pandemia, con motivo da despedida dun dos integrantes: Marcial Gondar que, despois de 26 anos, deixará de formar parte do tribunal avaliador. “Foron uns anos estupendos, nos que formamos un grupo de xente que nos entendemos á perfección. Sempre conseguimos chegar a consenso. De feito, os fallos, foron sempre unánimes”, sinalou o Catedrático de Antropoloxía. Ademais, quixo destacar “o esforzo do Concello por manter este certame, dotándoo dunha cantidade significativa para os premios e editando as investigacións gañadoras”. Considérao “un traballo importante de defensa da cultura galega”.

O alcalde, pola súa parte, transmitiu o agradecemento do Concello aos catro membros do xurado, que “durante todos estes anos veñen facendo un gran traballo. E dedicou unhas palabras de “especial” agarimo a Marcial Gondar “por estar con nós dende o comezo”.

O rexedor agasallou aos catro cun exemplar do libro vencedor da pasada edición, “Galiza. S.A.” de Xerardo Pereiro, e cunhas botellas da augardente gañadora do último concurso da caña do país.

XuradoPXFC25 2 XuradoPXFC25 3

Volver