- A concelleira de Turismo participou esta mañá na Casa de Rosalía na presentación da actividade
- “Inchadiña branca vela”, que cumpre a súa XII edición, contará cunha vintena de embarcacións participantes
Valga, 21 de xullo de 2025.
Vilarello será, un ano máis, porto de referencia para a actividade “Inchadiña branca vela”, a remonta do Ulla en embarcacións tradicionais coma homenaxe das xentes do mar a Rosalía de Castro.
A concelleira de Turismo, Malena Isorna, participou esta mañá na Casa Museo da escritora, en Padrón, na presentación da actividade, xunto ao presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, e os alcaldes de Padrón, Dodro e Rianxo, localidade que nesta edición acollerá a saída da travesía en lembranza de Castelao, de quen se cumpren 75 anos do seu pasamento.
A “Inchadiña branca vela” celébrase este sábado, 26 de xullo, coa participación dunhas vinte embarcacións tradicionais que sur a Ría de Arousa ata os ríos Ulla e Sar: Gamelas, galeóns, bucetas, un carocho, un bote de Ribadeo e dornas de distinto tipo (polbeiras, de tope, xeiteiras), chamadas pola Fundación Rosalía de Castro e a A.C. Dorna da Arousa.
A novidade desta XII edición é que boa parte das embarcacións sairán xa pola mañá do porto de Rianxo para logo unírensese ao percorrido habitual, coa saída ás 16:00 horas desde a praia fluvial de Vilarello ata Padrón, onde se lle renderá unha homenaxe a Rosalía diante da súa estatua no Espolón.
Esta actividade, que se celebrou por primeira vez en 2013 para celebrar o 150 aniversario da publicación de “Cantares gallegos”, xurdiu como iniciativa das xentes da cultura marítima para honrar a unha autora que, precisamente nesa obra, falaba das dornas que subían Ulla arriba no seu tempo. Velaquí a estrofa:
¡Que inchadiña branca vela
antre os millos corre soa,
misteriosa pura estrela!
Dille o vento en torno dela:
«Palomiña, ¡voa!, ¡voa!»