- Estará o día 29 de setembro na Prazuela de Pontevalga e dende hoxe xa pode solicitarse cita previa no Concello
- Os usuarios tamén poderán activar o DNI electrónico, renovar certificados e cambiar claves, para o que non é necesaria cita
Valga, 21 de xullo de 2025.
Tralas xestións realizadas polo goberno municipal nas últimas semanas, Valga será un dos concellos aos que se desprazará, a partir do mes de setembro, a unidade móbil da Policía Nacional para a expedición e renovación do DNI e do Pasaporte. Esta primeira visita terá lugar o día 29 de setembro en horario de 9:00 a 13:00 horas e para realizar calquera destes trámites é imprescindible pedir cita previa nas oficinas do Concello ou a través do teléfono 986 55 94 56 (extensión 2019). As solicitudes quedan abertas dende hoxe.
O número máximo de citas por xornada será de 30, xa que o tempo medio de atención a cada cidadán estímase en 12 minutos, e poden solicitalas tanto veciños de Valga coma doutras localidades da contorna. Aquelas persoas que queiran renovar nun mesmo día o DNI e o Pasaporte teñen que pedir dúas citas consecutivas.
Nesta oficina itinerante, que quedará emprazada na Prazuela de Pontevalga (xunto ao Edificio Administrativo), realízase toda la tramitación nun único día, de maneira que os usuarios xa recibirán no momento a súa documentación. Os servizos que presta inclúen: expedición de DNI e Pasaporte por primeira inscrición, perda ou subtracción; a renovación de documentación caducada ou a piques de caducar (dentro dos últimos 180 días de vixencia no caso do DNI ou no último ano de validez no caso do Pasaporte).
Tamén é posible activar o DNI electrónico, renovar certificados e cambiar as claves, trámites para os que non é necesaria cita.
Os usuarios deben aportar a mesma documentación que en calquera outra oficina do DNI da Policía Nacional.
Para expedición do DNI:
- Para a primeira inscrición: Unha fotografía recente (menos de dous anos) a cor e sobre fondo branco, partida de nacemento literal na que conste que se expide “só a efectos da obtención do DNI” (validez de seis meses), volante de empadroamento (validez de tres meses). Os menores de idade e persoas con discapacidade deben estar acompañados por un dos pais ou titores co DNI en vigor.
- Renovación: Unha fotografía recente (menos de dous anos) a cor e sobre fondo branco e o DNI que se quere renovar. En caso de cambio de datos, tamén se debe a portar a seguinte documentación: por cambio de domicilio, volante de empadroamento; por cambio de datos persoais, partida de nacemento literal con validez de seis meses. Os menores de idade e persoas con discapacidade deben estar acompañados por un dos pais ou titores co DNI en vigor.
Para expedición do Pasaporte:
- DNI en vigor (se solicita a renovación/duplicado dun pasaporte vixente deberá presentar o mesmo) e unha fotografía recente (menos de dous anos) a cor e sobre fondo branco.
En caso de menores ou persoas con discapacidade tamén é preciso aportar:
- Se non ten DNI: partida de nacemento literal na que conste que se expide “só a efectos da obtención do DNI” (validez de seis meses)-
- Se ten DNI deberá acreditar a relación de parentesco ou a condición de titor mediante a presentación de calquera documentación oficial (libro de familia, partida de nacemento, etc.).
- Deben ir acompañados polos dous pais ou todos os titores cos seus DNI en vigor.
A taxa de expedición do DNI é de 12 euros e a do pasaporte 30 euros (para as familias numerosas esta documentación é gratuíta presentando o título). Os cartos deben levarse en efectivo e, a poder ser, a cantidade xusta para evitar problemas co cambio.
O alcalde, José María Bello Maneiro, amosa a súa satisfacción por ter conseguido este novo servizo para os veciños de Valga, que ata agora “se vían obrigados a desprazarse a cidades coma Vilagarcía, Pontevedra ou Santiago para obter ou renovar a súa documentación, cos inconvenientes e custo que isto lles supoñía, ademais das dificultades, en ocasións, para conseguir cita”.