Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A duodécima etapa desta ruta discorre por lugares coma Parafita, Os Martores ou Laceiras

- O lote, que foi recibido pola concelleira de Turismo, inclúe trípticos e carteis con información sobre o percorrido

MaterialVíaMariana1

Valga, 19 de xullo de 2025.
A Vía Mariana luso-galaica, unha das rutas de peregrinación que discorre por Valga, está a realizar nos últimos meses un intenso traballo promocional a través de diferentes vías, coma a participación en feiras e eventos turísticos e o reparto de material divulgativo coma o que esta semana recibiu o Concello de Valga. A secretaria da Asociación Vía Mariana, Mª Carmen Fernández, desprazouse a Valga para entregarllo á concelleira de Turismo, Malena Isorna, co obxectivo de que cada vez sexan máis os peregrinos que coñezan esta ruta e que se animen a percorrer os arredor de 400 quilómetros que unen a cidade portuguesa de Braga con Muxía.

O lote inclúe tanto carteis coma trípticos informativos sobre a ruta, que estarán a disposición das persoas interesadas no Concello e no Auditorio Municipal. Ademais, nos próximos días tamén se deixarán no albergue de peregrinos. Este material inclúe unha mapa co percorrido da Vía Mariana e cos principais santuarios e lugares de interese polos que pasa, coma a capela dos Martores. Ademais, inclúe dous códigos QR que dan acceso á páxina web da ruta e a unha infografía interactiva.

Este material está subvencionado pola Deputación Provincial de Pontevedra.

A Vía Mariana, tamén coñecida coma ‘O camiño feminino’, une os santuarios de devoción mariana de Galicia e do norte de Portugal. Dividida nun total de 18 tramos, discorre por Valga na súa etapa número 12, entrando por Parafita e pasando por lugares coma a Capela dos Martores (que algúns autores como José Guerra Campos sinalan como lugar de enterramento do herexe Prisciliano), Laceiras e o petróglifo de Camporredondo, no Monte dos Salgueiros. Ademais, o albergue do Pino é un dos sinalados como lugar de durmida para os peregrinos.

MaterialVíaMariana2

Volver