Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os cociñeiros Álex Iglesias, Coque Fariña e Xoanqui Ameixeiras estarán á fronte das actividades

- “A anguía é un produto con identidade propia e a caña aporta moito sabor e aromas”, destacan os chefs

PresentaciónAgostoGastronómico25

Valga, 18 de xullo de 2025.

Agosto é, en Valga, sinónimo de anguía e de caña do país, dous produtos que levan xa 35 anos enxalzándose na festa gastronómica por excelencia do concello. Para ir abrindo boca esta mañá presentáronse, no Centro de Interpretación da Caña, as actividades do Agosto Gastronómico coa participación dos tres cociñeiros protagonistas desta edición: Álex Iglesias, Coque Fariña e Xoanqui Ameixeiras. Showcookings, sesións de coctelería, obradoiros, batallas culinarias e un concurso de receitas farán que o vindeiro mes Valga sexa parada obrigada para os amantes da boa cociña.

As actividades darán comezo o día 5 de agosto, cun obradoiro de cociña para nenos de entre 5 e 12 anos, que elaborarán dous pratos: un salgado, que terá a anguía entre os seus ingredientes, e un doce.

O certame Anguía Chef chega este ano con novidades, xa que pasará a ser un concurso de cociña aberto á participación de todos os valgueses, que poderán presentar a súa mellor receita con anguía. O Concello entregará o produto aos inscritos para que poidan elaborar os seus pratos. Estes degustaranse o día 22 de agosto no Centro de Interpretación da Caña, onde cada cociñeiro deberá explicar a súa receita ante un xurado que elixirá as mellores elaboracións.

Ademais, celebraranse catro showcookings que tratarán de sacar o máximo partido aos dous produtos protagonistas da festa. Tres deles correrán a cargo de Álex Iglesias: o día 12 “A caña no prato”, no que se cociñarán catro receitas elaboradas con caña do país; o 24 de agosto “Moito máis que caña”, con degustación de cócteles con augardente; e o día 26 “Universo Anguía”, coa preparación de pratos que terán como ingrediente principal a anguía.

O cuarto showcooking contará coa participación dos televisivos Xoanqui Ameixeiras e Coque Fariña, do programa da TVG “A voltas co prato”. Os dous cociñeiros bateranse en duelo para comprobar quen prepara os pratos máis ricos con anguía e con augardente do país.

Os tres chefs estiveron hoxe en Valga, acompañados polo alcalde, José María Bello Maneiro, e pola concelleira Carmen Gómez, para ofrecer un avance dos pratos que se poderemos probar nas vindeiras semanas. Haberá elaboracións tradicionais, pero tamén preparacións máis novidosas para tratar de conquistar a todos os padais. “Estamos preparando as receitas con todo o noso cariño e tendo en conta o que estes dous produtos representan para Valga. Son destas cousas boas que temos en Galicia e das que verdadeiramente non somos conscientes”, subliñou Xoanqui Ameixeiras.

En canto á anguía, estes profesionais dos fogóns destacan que “é un produto moi peculiar, con identidade propia, e cun sabor e textura moi característicos, polo que sempre gusta traballar con el”. Ademais, admite múltiples combinacións con outros ingredientes, o que abre moito as posibilidades á hora de cociñala: dende pratos tradicionais que nunca fallan, como frita ou en empanada, ata plantexamentos máis novidosos.

En canto á caña do país, Coque Fariña aposta por “perder o medo a incorporala aos nosos pratos, ao igual que facemos co viño ou co brandy”. En concreto, a augardente de Valga, nas súas diferentes variedades, é un produto “potente, con moito sabor e con aromas peculiares” que poden aproveitarse moi ben ante os fogóns. Ademais, os tres coincidiron en que “a anguía e a caña lévanse ben”.

Todas as actividades do “Agosto Gastronómico” son gratuítas, pero teñen un carácter solidario. Os inscritos deberán aportar un quilo de alimentos non perecedoiros que, posteriormente, se entregarán ao departamento de Servizos Sociais para a súa distribución entre as familias sen recursos.

As inscricións realizaranse cubrindo as follas de solicitude e presentándoas no Concello ou a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. no prazo establecido para cada actividade. As solicitudes atenderanse por orde de entrada.

AgostoGastronómicos2025

Volver