- O recoñecemento recaeu en alumnos do colexio de Baño, do IES de Valga, da Escola de Música e do Centro Superior de Música
- O evento contou coa presenza do alcalde, a concelleira de Educación e representantes da comunidade escolar
Valga, 18 de xullo de 2025.
Os estudantes dos centros educativos valgueses cos mellores expedientes académicos do curso 2024-2025 recibiron onte unha homenaxe por parte de Concello. O acto, que se celebrou no Auditorio Municipal, contou coa presenza do alcalde, José María Bello Maneiro; a concelleira de Educación, Carmen Gómez; e o director territorial da Consellería de Educación, César Pérez, que acompañaron aos directores dos centros educativos locais, representantes das ANPAs e familiares dos alumnos recoñecidos.
O galardón ao mellor expediente de Educación Primaria recaeu en Yoel Tarrío Leiva, do CEIP Baño-Xanza. En Educación Secundaria Obrigatoria foi recoñecido Paulo Meniño Germiñas, mentres que en Bacharelato os mellores expedientes foron os de Mario Fernández López, na rama de Ciencia e Tecnoloxía, e Carla Herrero Suárez, na especialidade de Humanidades e Ciencias Sociais.
En Formación Profesional Básica, na especialidade de Agroxardinaría e composicións florais, a alumna máis brillante foi Yara Franco Castro. No Ciclo Básico de Fabricación e montaxe, o recoñecemento recau en Noa Alende Chico, e no Ciclo Medio de Soldadura e Caldeiraría o mellor expediente do pasado curso foi o de Antonio Mato Romero.
No referido á ensinanza musical, a alumna da Escola Municipal de Música cos mellores resultados académicos do Grao Profesional foi Rosalía Muíño Cotón, na especialidade de violonchelo; e no Grao Superior o recoñecemento foi para Jacobo García Martínez, alumno de Composición no Centro Superior de Música (CSM Galicia).
Os galardoados recibiron un diploma, una placa conmemorativa e unha tablet aportada pola Consellería de Educación. Nas súas intervencións amosáronse “orgullosos do que conseguimos” e agradeceron o apoio que tiveron tanto dos seus mestres, coma das súas familias e compañeiros, xa que “todos eles forman parte da nosa aprendizaxe”.
O acto, ademais, serviu como presentación dos novos directores que se incorporan aos centros educativos valgueses: Sara Costa ao CRA de Valga, Xan Molina ao CEIP Ferro Couselo, Rebeca Santos ao colexio Baño-Xanza e Concepción Paz ao IES de Valga. O alcalde deulles a benvida e salientou que o Concello “está á súa disposición para seguir pelexando para ter os máximos medios posibles para os estudantes valgueses”. Ademais, agradeceu “a todos os directores que se van o traballo que realizaron durante anos e a capacidade de coordinación e entendemento que tiveron” co goberno municipal.
En canto aos mozos homenaxeados, Bello Maneiro púxoos como exemplo do talento que hay en Valga e felicitounos polos seus excelentes resultados, que “non son froito da casualidade, senón do traballo constante durante anos”.
Eva Zumalave, a directora saínte do CEIP Baño-Xanza, foi a encargada de falar en representación da comunidade educativa local. Destacou o “esforzo e constancia” dos alumnos recoñecidos e tamén “o compromiso coa educación” por parte do Concello. Por último, sinalou que deixa o colexio de Baño “con gratitude e co privilexio de ter visto medrar a varias xeracións de nenos”.
Unha das galardoadas, a alumna da Escola de Música Rosalía Muíño foi a encargada de poñer a nota musical durante o acto, coa interpretación do preludio da Suite III de Bach e o Estudio nº 22 de David Popper.