- O programa “Tech Kids” forma á mocidade sobre programación, impresión 3D e robótica
- Ademais, promove a cultura local con proxectos baseados en persoeiros e recursos de Valga
Valga, 17 de xullo de 2025.
Tech Kids, o programa promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Colexio Profesional de Enxeñería en Informática para achegar á mocidade ás últimas tecnoloxías, estase a desenvolver durante esta semana na Aula CeMIT do Auditorio.
“Argallando entre xeracións” é o nome do obradoiro que imparte o educador Pablo Arribas e co que se trata de ofrecer aos participantes unha serie de ferramentas de programación, impresión en tres dimensións e robótica ao tempo que poñen en valor algúns dos recursos patrimoniais do concello e aos seus persoeiros. “O obxectivo é conectar a tecnoloxía coa cultura e tradicións galegas creando un proxecto” co que despois os alumnos poden participar nunha mostra que se celebrará en outubro na Cidade da Cultura.
A xornada inicial centrouse en decidir aqueles aspectos e recursos de Valga sobre os que queren traballar os mozos. Elixiron algúns coma o Belén Artesanal, a Bella Otero e os espazos naturais. A partir aí comezaron a deseñar os seus propios videoxogos e tamén figuras para imprimir en 3D. “Intento que sexan eles mesmos os que exploren os programas que empregamos no obradoiros, para que vaian descubrindo como funcionan e que aprendan por si mesmos”, explica o docente Pablo Arribas.
A última sesión de mañá estará centrada na programación con kits de robótica
Nas seguintes ligazóns podedes probar os videoxogos creados polos participantes:
🎮 Salta os elementos de Valga: https://arcade.makecode.com/72876-25076-43470-72047
🎮 Bella Otero Escape: https://arcade.makecode.com/94111-48804-52299-01037
🎮 Salta os inimigos: https://arcade.makecode.com/67278-22404-36386-84570