- Os usuarios do CODI participaron nunha xornada práctica na que puideron experimentar con esta tecnoloxía
- O contido do obradoiro foi adaptado a este colectivo para que puideran gozar plenamente da actividade
Valga, 16 de xullo de 2025.
Como parte da campaña de divulgación das últimas tecnoloxías que a Aula CeMIT está a desenvolver entre a poboación local, esta semana realizouse unha actividade específica sobre realidade virtual inclusiva dirixida a persoas con discapacidade. Foron os usuarios do CODI os que participaron neste obradoiro que tivo lugar o martes.
As tecnoloxías adaptadas e inclusivas son unha ferramenta fundamental na actualidade, xa que facilitan a integración e a participación plena na sociedade de todas as persoas, contribuíndo a mellorar a súa autonomía, derrubando barreiras antes difíciles de superar e garantindo tamén o seu acceso ao ocio.
Neste taller, os usuarios do CODI tiveron a oportunidade de vivir experiencias inmersivas con equipos e situacións adaptados a eles, de maneira que puideron gozar plenamente da actividade.
O contido estivo plenamente adaptado a este colectivo, con vídeos de animación que relataban historias dunha forma moi visual e comprensible, limitando a necesidade de movementos e evitando, especialmente, as accións bruscas que puideran causar mareos ou malestar entre os participantes. Prescindiuse tamén da lectura, de xeito que foi a intuición o que os guiou durante a experiencia.