- As músicas da Banda Municipal Natalia Fabeiro e Ana Solla e a educadora Sara López impartiron un obradoiro socioeducativo
- Durante a última quincena 60 nenos partiparon en xogos deportivos, actividades creativas, talleres de igualdade ou saídas para coñecer a contorna
Valga, 15 de xullo de 2025.
A Escola de Verán pechou hoxe a primeira quenda e fíxoo cunha actividade para achegar a música en directo aos seus participantes a través do proxecto “A hora do ritmo”. A clarinetista Natalia Fabeiro, a contrabaixista Ana Solla e a educadora social Sara López, que forman o grupo Ritmos con Alma, encargáronse de impartir este obradoiro. As dúas primeiras son integrantes da Banda Municipal de Música de Valga e quixeron demostrar aos cativos que os seus instrumentos poden chegar a ser igual de divertidos que outros que, frecuentemente, teñen máis aceptación entre os rapaces coma a guitarra ou o piano.
O proxecto socioeducativo que estas mozas están a desenvolver traballa aspectos como a psicomotricidade, a mobilidade e tamén os xogos a través da música e de cancións moi populares entre os nenos, que se animaron a cantar durante a sesión. “O contido está adaptado ao público ao que nos diriximos”, explican as promotoras, que están pensando en achegalo tamén a residencias e centros de maiores e á mocidade.
Ao son de temas de Disney ou bandas sonoras de debuxos animados despedíronse os 60 rapaces que participaron nesta primeira quenda das actividades de conciliación estivais. Durante esta quincena realizaron actividades coma de creatividade, xogos deportivos, xincanas en busca de tesouros, saídas pola contorna, obradoiros de igualdade ou a festa da auga, entre outras. Mañá incorpóranse outros 60 nenos e mozos de entre 3 e 16 anos para compartir outros quince días de experiencias.