Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Na Escola de Verán, que é gratuíta para as familias, participan rapaces de 3 a 16 anos

- A concelleira de Educación achegouse ao recinto do CEIP Baño-Xanza para comprobar o desenvolvemento das primeiras xornadas

EVXullo25 1

Valga, 12 de xuño de 2025.

As actividades de conciliación organizadas polo Concello para a época estival deron comezo esta semana con 120 inscritos para o mes de xullo (60 na primeira quincena e outros tantos na segunda). Foi o martes, día 1, cando se inaugurou a primeira quenda e esta mañá a concelleira de Educación, Carmen Gómez, achegouse ata o recinto do colexio Baño-Xanza para interesarse por como se están a desenvolver estas primeiras xornadas.

Os xogos de presentación, que facilitan que os nenos e mozos se coñezan entre eles e comecen a relacionarse, foron a principal actividade ata o de agora. Ademais, presentouse a temática elixida para esta edición: “Exploradores do saber”, unha proposta na que primarán os retos, as aventuras e a aprendizaxe.

Os inscritos realizarán obradoiros de arte; talleres de ciencia, natureza e descubrimentos; actividades de música e cultura; traballarán as emocións e valores coma a igualdade, e tamén realizarán xogos de creatividade e desafíos. Por exemplo, xa participaron en algunhas probas para activar a imaxinación e crearon o seu propio escudo de exploradores.

A Escola de Verán, é un servizo gratuíto que se ofrece ás familias valguesas para favorecer a conciliación familiar coincidindo coas vacacións nas escolas. Plantéxase coma un espazo lúdico-formativo no que desenvolver actividades de coeducación e igualdade, fomentando valores coma o respecto, a socialización ou a eliminación de roles de xénero. Deporte, ciencia ou coñecemento da contorna serán outras das temáticas sobre as que xirarán as actividades, que se desenvolven de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas e se prolongarán ata finais de agosto.

EVXullo25 2 EVXullo25 3

Volver