- Os establecementos de hostalería que queiran participar na actividade gastronómica poden anotarse ata o 1 de agosto
- Os petiscos serviranse gratuitamente con cada consumición os sábados ao mediodía e á noite e os domingos ao mediodía
Valga, 3 de xullo de 2025.
O Concello está xa a preparar a programación cultural, lúdica e gastronómica que se desenvolverá durante o mes de agosto con motivo da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, para poñer en valor estes dous produtos con raigame en Valga. Unha destas actividades é a duodécima edición da Ruta-Concurso “Tapa a Anguía”, orientada á participación de locais de restauración e hostalería de Valga.
A ruta de tapas levarase a cabo, como é habitual, as dúas últimas fins de semana de agosto: os días 23, 24, 30 e 31. Os petiscos serviranse de forma gratuíta coas consumicións nos seguintes horarios: os sábados de 12:00 a 15:00 e de 20:00 a 23:00 horas, e os domingos ao mediodía.
O Concello facilitará aos locais participantes a anguía, xa limpa, para a elaboración das tapas. Estas serán valoradas por un xurado profesional e, ademais, haberá tamén unha votación popular por parte das persoas que acudan a degustar os petiscos e que reúnan os selos dos establecementos participantes.
O público decidirá cos seus votos cales son as mellores tapas e, polo tanto, os locais gañadores dos Mandís de Ouro, Prata e Bronce. Para participar na votación será preciso reunir os selos dos bares participantes despois de degustar as súas tapas e introducir a papeleta nas urnas habilitadas ao efecto. Entre todas as persoas que participen na elección das mellores tapas sortearanse dez vales de 30 euros cada un para gastar no comercio local.
As diferentes receitas e elaboracións que ofrezan os locais serán tamén valoradas por un xurado profesional que elixirá, entre todas, a mellor tapa que poderá degustarse na Festa da Anguía do ano 2026.
Os establecementos de hostalería teñen de prazo ata o día 1 de agosto para presentar as solicitudes de participación no rexistro do Concello ou a través da Sede Electrónica. A folla de inscrición pode descargarse a través da seguinte ligazón: https://www.valga.gal/atencion-cidada/impresos-solicitudes