- Comezaron esta semana con aplicacións de realidade virtual e tamén incluirán actividades de robótica e con drons
- O banco de material da Rede CeMIT prestou parte dos equipos para que a experiencia dos usuarios sexa máis completa
Valga, 2 de xullo de 2025.
A Aula CeMIT do Auditorio Municipal está a desenvolver unhas xornadas para achegar á poboación ás últimas tecnoloxías. As actividades deron comezo esta semana con varios obradoiros de realidade virtual, nos que os participantes poden vivir en primeira persoa experiencias inmersivas grazas a equipos compostos por gafas e mandos.
Parte deste equipamento foi emprestado polo banco móbil de complementos tecnolóxicos innovadores da Rede CeMIT para un desenvolvemento máis completo das actividades formativas, de xeito que os participantes poidan manipular os equipos de forma individualizada e con carácter máis práctico.
Estes obradoiros proporcionan unha primeira aproximación ao universo da realidade virtual, dando a coñecer algunhas das posibilidades desta tecnoloxía. Os usuarios están a experimentar con diversas aplicacións que lles permiten interactuar con obxectos, realizar actividades deportivas ou participar en xogos.
Estas xornadas terán continuidade a semana vindeira, con actividades relacionadas co manexo de drons e robótica.