- Tamén realizaron, en barco, outra das rutas xacobeas que discorren por Valga: a Traslatio
- Os concelleiros Malena Isorna e José Ángel Souto acompañaron aos expedicionarios
Valga, 1 de xullo de 2025.
A Ruta Quetzal 2025 arrancou con Valga como un dos primeiros destinos dos arredor de douscentos mozos de toda España que participan nesta aventura educativa e cultural. Os expedicionarios estiveron onte no noso concello para coñecer dous dos seus grandes focos de interese: o Camiño de Santiago e as fervenzas de Parafita e Raxoi.
Foron dúas as rutas xacobeas que discorren por Valga as que viron pasar aos aventureiros. Pola mañá, a ruta marítimo-fluvial polo río Ulla, que emula o percorrido realizado no século I polos restos mortais do Apóstolo Santiago. E, ao mediodía, o Camiño Portugués, que percorreron en sentido inverso dende a igrexa de San Miguel ata O Pino. Trátase dun dos tramos máis fermosos da ruta lusa, que discorre polo Monte Albor, en paralelo ao río Valga e en contacto pleno coa contorna natural.
O grupo, do que forman parte algúns dos mellores expedientes académicos de toda España, continuou a camiñada ata as fervenzas, outra zona de gran beleza na que a auga e o bosque de ribeira son os auténticos protagonistas. Os mozos percorreron as pasarelas de madeira tratando de descubrir todos os recunchos deste espazo, do que tamén forman parte dous muíños restaurados, un de cubo e outro de canle. Na contorna desta área natural, ademais, os aventureiros estableceron o campamento para xantar.
O edil José Ángel Souto acompañounos no seu percorrido por territorio valgués e, ata as fervenzas, achegouse tamén a concelleira de Turismo, Malena Isorna. Ambos fixeron entrega, en representación do Concello, dun agasallo institucional a Íñigo de la Quadra Salcedo, que mantén vivo o legado de seu pai, Miguel de la Quadra.