- O público gozou coas coreografías, saltos e piruetas realizados polos afeccionados ao deporte sobre rodas
- Durante o verán continúa a actividade cun curso intensivo no que está aberta a inscrición
Valga, 30 de xuño de 2025.
A Escola Municipal de Patinaxe artística celebrou o venres no pavillón de Beiro unha exhibición na que, ademais de nenos e mozos valgueses afeccionados a esta actividade deportiva, participaron tamén patinadores chegados dende outros concellos da contorna. En concreto, grupos dos colexios de Pontecesures, Rois e Flavia de Padrón, así coma a Escola Municipal de Dodro.
O público asistiu a un espectáculo no que se sucederon as coreografías sobre rodas. Hóuboas grupais, en parella e incluso individuais, nas que os protagonistas demostraron as destrezas aprendidas durante o curso que acaba de rematar, baixo as directrices da adestradora Olalla Pérez. “Tivemos arredor de corenta participantes durante esta temporada. Durante a primeira parte do curso centrámonos na aprendizaxe e ensaios de figuras, piruetas e saltos e, a partir de marzo, comezamos a preparar as coreografías que hoxe se realizaron”, explicou a mestra trala exhibición.
A Escola de Patinaxe continuará durante o verán cun curso intensivo no que poden inscribirse cativos a partir de 3 anos de idade. Os adestramentos terán lugar no pavillón de Cordeiro os luns, mércores e xoves de 11:00 a 13:00 horas. As inscricións poden realizarse a través do teléfono 645 573 561.