- O robot permite detectar as necesidades de rego e incluso a presenza de pragas
- “Este recoñecemento é unha satisfacción e un orgullo para Valga”, destaca o alcalde
Valga, 17 de xuño de 2025.
O proxecto “Automatización da agricultura de cultivos de proximidade”, que desenvolveu o IES de Valga, foi valorado como o segundo mellor de España nos premios Caixabank Dualiza, entre arredor de catrocentas iniciativas de innovación que se presentaron ao certame.
Trátase dun robot cartesiano que, mediante un sensor de humidade e comparación de imaxes, detecta se as plantas necesitan auga e en que cantidade e tamén se están afectadas por pragas. Foi pensado, inicialmente, para as plantacións de pementos, pero pode adaptarse a calquera cultivo, tal e como se subliñou esta mañá no acto de entrega do premio ao que asistiron o alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Educación. Tamén participaron o director do IES, Eliseu Mera; a docente Melodía González; o director territorial da Consellería de Educación, César Pérez; e Cristina Rodríguez, coordinadora territorial de Caixabank Dualiza para o noroeste do país.
Neste proxecto traballou conxuntamente o alumnado dos ciclos básico e medio de Agroxardinaría, os medios de Mantemento e Soldadura e o superior de Mecatrónica Industrial. Optimizar as explotacións agrarias de proximidade facendo máis eficientes e sostibles os procesos produtivos e incluso axudar a desestalicionalizar deteminados cultutivos son algunhas das funcionalidades deste robot, ao que o director do IES se referiu coma “un proxecto fascinante, tanto no seu deseño como na súa a aplicación práctica”, da que se puido ver unha demostración durante o acto.
A delegada de Caixabank confesouse “namorada” deste proxecto, “un dos máis innovadores” de cantos se presentaron aos premios, “o que fala moito da calidade da FP en Valga e, en xeral, en Galicia”.
O alcalde, pola súa parte, deu os parabéns á dirección, ao profesorado e ao alumnado do IES por este novo recoñecemento, “un máis de todos cantos recibiron ultimamente, o que supón unha honra, unha satisfacción e un orgullo para Valga”. Tamén houbo felicitacións por parte do representante da Xunta, César Pérez, “polo labor investigador que hai detrás deste traballo, que supón a aplicación da tecnoloxía ao desenvolvemento local e que é unha demostración do avance da Formación Profesional en Galicia”.