Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alcalde e a concelleira de Educación asistiron ao acto de graduación, celebrado no Auditorio

- “Todos debemos seguir traballando conxuntamente para que o IES continúe medrando”, dixo Bello Maneiro

GraduaciónCiclos25 1 

Valga,  13 de xuño de 2025.

O IES de Valga celebrou onte no Auditorio Municipal o acto de graduación dos ciclos formativos de Agroxardinaría e Composicións florais, Fabricación e Montaxe, e Soldadura e Caldeiraría, tanto de réxime ordinario como dual. En total, case corenta alumnos que obteñen o título de Formación Profesional e para os que agora se abre unha nova etapa, ben co acceso ao mercado laboral ou continuando con estudios superiores.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Educación, Carmen Gómez, asistiron á entrega de diplomas. O rexedor felicitou aos protagonistas da tarde “polo bo traballo que realizaron nestes últimos anos, o que lles permitirán afrontar o paso ao ámbito laboral con maiores garantías”. Fixo extensivos os parabéns ao equipo directivo e docente do instituto, que “están a realizar un labor importantísimo. Todos debemos seguir traballando conxuntamente para que o IES continúe a medrar e tamén o faga a súa oferta formativa”.

Tamén interviu o director do centro, Eliseu Mera, que se referiu á FP como unha formación “especial” que permite “ver a conexión co mercado laboral. Ademais, é reconfortante ver como alumnado que tiña problemas na ESO e que practicamente estaba desafiuzado se engancha á FP e pasa a ter unha capacitación profesional. Poder contribuír a esa realización persoal e profesional para nós é unha gran satisfacción”. Por iso, engadiu, dende o IES “fixemos todo o posible por ir aumentando a oferta de ciclos e seguiremos traballando, atentos ás demandas da contorna, tanto das familias coma das empresas, para seguir dándolles respostas”.

Tanto o director como algúns dos mestres dos diferentes ciclos animaron aos novos graduados a que afronten o futuro con entusiasmo e coa mesma capacidade de traballo que demostraron nestes anos de estudantes.

GraduaciónCiclos25 2 GraduaciónCiclos25 3

Volver