- Un alcalde guatemalteco que participa nun programa formativo da FEMP visitou as instalacións interesado en exportar o sistema
- Foi recibido polo rexedor valgués, a concelleira Carmen Gómez e os técnicos municipais responsables da área de residuos
Valga, 11 de xuño de 2025.
O Punto Limpo de Valga tense convertido nos últimos anos en exemplo en materia de xestión de residuos. Acotío recibe visitas de técnicos e especialistas que queren coñecer por dentro o seu funcionamento e incluso de responsables políticos que buscan captar ideas para trasladalas aos seus territorios. É o caso de Omar Moisés de León, alcalde de Olintepeque, un municipio de Guatelama que concentra a unha poboación de 40.000 habitantes en 40 quilómetros cadrados.
A realidade económica, social e cultural desta localidade pouco ou nada ten que ver co que Moisés de León se atopou no continente europeo e, en concreto, na provincia de Pontevedra e en Valga, a onde chegou da man do Curso de Pasantías para municipalistas iberoamericanos, organizado pola Federación Española e Municipios e Provincias (Fegamp) e a Organización Iberoamericana de Cooperación Intermunicipal. Trátase dunha actividade formativa que serve para desenvolver unha cooperación efectiva e directa con municipios da outra marxe do Atlántico.
No caso do alcalde de Olintepeque, o seu obxectivo é coñecer algúns dos sistemas e métodos que se empregan na provincia para a separación e xestión dos residuos. “E, neste ámbito, o Punto Limpo de Valga é modélico. Témolo como exemplo”, salientaron os técnicos da Deputación que acompañaban ao rexedor guatemalteco.
Nas instalacións foi recibido polo alcalde valgués, José María Bello Maneiro, a concelleira Carmen Gómez, e os responsables do departamento de residuos do Concello, Silvia Torres e Yoel Castro.
Moisés de León, que ademais de alcalde é presidente dunha mancomunidade de sete concellos, explicou que na súa rexión de orixe os residuos sólidos acaban en vertedoiros a ceo aberto, sen ningún tipo de separación, o que xera problemas ambientais e de salubridade, entre outros. O seu obxectivo é implantar, progresivamente, un sistema separativo para o que está a captar ideas e metodoloxías que poidan, nun futuro, ser tamén implantadas na súa rexión.
Os técnicos municipais explicáronlle os distintos piares sobre os que se asenta o modelo de xestión de residuos de Valga. Por un lado, a compostaxe dos restos orgánicos. Dende o ano 2020 distribuíronse máis dun milleiro de composteiros domésticos entre os veciños, creáronse dous composteiros comunitarios na rúa Doutor de Oya Salgueiro e na Avenida da Coruña e instaláronse outros catro en grandes produtores do municipio: o colexio Baño-Xanza, a empresa Extrugasa, o hotel Corona de Galicia e o restaurante Gran Barril.
Por outra parte, a recollida separada de papel-cartón, vidro, envases, aceites, téxtiles e fracción resto. Esta compleméntase coa actividade do Punto Limpo, no que os veciños de Valga poden depositar de xeito gratuíto outro tipo de residuos que non deben botarse nos contedores: madeira, electrodomésticos, plásticos, cascallos... Nas instalacións sepáranse e faise a trazabilidade dende que entran ata que saen para a súa reciclaxe ou xestión a través de entidades autorizadas. Outra das alternativas coas que contan os valgueses é a recollida porta a porta de voluminosos, tamén gratuíta e que se realiza mensualmente.
E, dende os últimos anos, o Concello aposta tamén pola reutilización como forma de reducir a xeración de residuos. E faino a través do programa “Fai que Valga”, unha iniciativa que lle pareceu “máis interesante” ao alcalde guatemalteco. De entre todo o lixo que chega ao Punto Limpo realízase unha selección daqueles obxectos que aínda poden ter unha segunda vida e estes poden ser recollidos por veciños e usuarios de xeito gratuíto. A acollida por parte da cidadanía foi tan boa, que algunhas persoas incluso doan artigos expresamente para este programa.