Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os aprendices levaron a cabo tarefas de roza e limpeza neste espazo, situado á beira do Ulla

- Os vestixios que se conservan son exemplo da arquitectura tradicional vencellada á producción de cerámica

LimpezaTelleiras1

Valga, 11 de xuño de 2025.

As antigas telleiras de Roeiro e Padín, que se conservan no lugar de Vilar, e a súa contorna foron obxecto dunha intervención por parte do módulo de forestais do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia. Os aprendices, seguindo as directrices do experto docente José Manuel Picallo, levaron a cabo tarefas de acondicionamento desta zona, con traballos de roza e limpeza que permitan a visita a estes elementos do patrimonio etnográfico e cultural valgués, situados á beira do río Ulla.

Os vestixios que se conservan destas antigas telleiras son exemplo da arquitectura tradicional vencellada á industria de produción de cerámica, que tanta relevancia acadou na zona. Nos dous casos aínda se conservan as estruturas das edificacións principais, as que estaban destinadas á cocción de produtos cerámicos, principalmente tella e ladrillo.

A telleira de Padín, construída en 1942 e que estivo en activo ata 1960,  mantén parte da cuberta en forma de cúpula e tamén a estrutura de ladrillo, en forma de grella, sobre a que se colocaban as tellas para a súa cocción. A de Roeiro, que foi abandonada en 1945, destaca pola súa forma circular, o que a converte nunha das máis singulares de cantas existiron na contorna do Ulla.

Nas dúas se percibe claramente a zona destinada á leñeira, un terreo en pendente no que se gardaba a leña e dende o que se introducía na boca do forno cando este se poñía en funcionamento. Tamén se conservan algúns restos das edificacións secundarias dedicadas ao descanso dos telleiros e son visibles algúns tramos das canles que permitían o atraque das embarcacións para o transporte de barro e tella.

A produción de tella e ladrillo nestes rudimentarios fornos na zona do Ulla tivo o seu auxe na segunda metade do século XIX. No século XX, coa industrialización do sector produtivo, as telleiras comezaron a decaer e foron substituídas por factorías como Novo y Sierra, fundada no ano 1921.

No ano 2022 o Concello levou a cabo unha actuación de posta en valor co obxectivo de frear o deterioro e garantir a súa conservación.

LimpezaTelleiras2 LimpezaTelleiras3

Volver