- O alcalde e o deputado Javier Tourís acudiron á cita gastronómica no Teleclub
- Lombo con queixo, zamburiñas, choco ou sardiñas eran algúns dos sabores entre os que se podía elixir
Valga, 8 de xuño de 2025.
A empanada foi hoxe o prato estrela en Cordeiro. A asociación veciñal, cultural e deportiva desta parroquia celebrou no teleclub a vixéximo novena edición da Festa da empanada de millo, na que os asistentes puideron elixir entre diferentes sabores: lombo de porco con queixo, zorza, bacallau con e sen pasas, sardiñas, mexillóns, zamburiñas, e tamén alternativas doces, coma a de cebola con azucre ou a de choco, que era a novidade este ano e, por iso, unha das máis solicitadas pola xente. En total, trinta e dous metros de empanada da que deron boa conta as ducias de persoas que se achegaron á cita gastronómica.
Algunhas aproveitaron a mañá solleira para comela nos exteriores do propio teleclub, escoitando música de gaita e de acordeón. Outras optaron por levala para degustar en familia.
Entre os asistentes estiveron o alcalde, José María Bello Maneiro, e o deputado provincial Javier Tourís que, ademais, de degustar a empanada e conversar coa organización e os veciños, tiveron a oportunidade de comprobar as melloras executadas nos acabados exteriores e no tellado do teleclub grazas a unha subvención do plan Provincia Comunitaria.